O vindeiro venres 16 de outubro a Facultade de Informática da Coruña vai acoller a festa Mapping Party na FIC, unha actividade divulgativa, lúdica e participativa destinada a amosar as vantaxes e posibilidades de OpenStreetMap, o servizo libre para a creación e intercambio de mapas. Segundo sinalan a un nivel máis xenérico os organizadores, as asociacións de software libre Xeopesca e GPUL (Grupo de Programadores e Usuarios de Linux), con esta convocatoria preténdese achegar unha actividade de formación e de diversión, unha oportunidade “para pasármolo ben”, ao temo “que ampliamos o noso coñecemento sobre datos xeográficos con licenza libre”.
A actividade comenzará as 16:30 e rematará arredor das 20:30 horas, tendo o seguinte programa temático inicial: que é OpenStreetMap? Como se contribúe a el? Como podemos ser mapeadores de campo (OSMTrackers)?, Como podemos ser mapeadores de salón (iD, JOSM)? A continuación, a cita entrará na súa vertente máis práctica: os participantes serán divididos en equipos para levar a cabo o seu labor cartográfico-tecnolóxico, encetando (se o tempo o permite) andainas de campo e de recinto pechado.
Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Xeopesca realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2015 da Xunta de Galicia.
Sobre OpenStreetMap
OpenStreetMap, coñecido como “a Wikipedia dos mapas”, é un proxecto colaborativo que ten por obxectivo a creación dunha base de datos xeográfica a nivel mundial, dispoñible baixo unha licenza libre, o que permite dispoñer dunha cartografía de todo o planeta que se actualiza decote. Esta característica fai desta ferramenta un valioso recurso en labores de acción social, en proxectos de cooperación ao desenvolvemento ou na xestión de crises humanitarias.
Xeopesca e GPUL convocan a Mapping Party na FIC (16 de outubro)
Compartir Este Artigo

