Tras os moito rebumbio que provocou a aplicación Popcorn Time, que empregando tecnoloxía P2P facilitaba a reprodución de contidos audiovisuais sen subscribirse a ningún servizo de pagamento, agora a ameaza trasládase a servizos de música en streaming como Spotify, xa que xorde nunha versión 0.1 Alpha a aplicación Aurous, dispoñible para Windows, OS X e Linux, e permite buscar cancións, importar listaxes de reprodución (de servizos como Spotify ou YouTube), reproducir tamén ficheiros locais (evitando así que haxa que empregar unha aplicación para a música no ordenador e outra para a música en liña), a súa interface é altamente personalizable, conta cunha API que facilitará a súa ampliación e, especialmente, carece de publicidade intrusiva.
Temos así unha tecnoloxía que vai dar moito que falar nos vindeiros meses, e ante a que non sorprendería que a industria musical tomase medidas rapidamente, para evitar que se converta nun grande inimigo das plataformas de streaming musical, que actualmente é case a única fonte de financiamento estable do sector fóra do que son as actuacións en vivo.
Aurous é obra do desenvolvedor Andrew Sampson, que combinou na súa creación distintas API públicas de servizos en liña e tecnoloxía de P2P, pero sen chegar a descargar contidos vía torrent (senón que esta solución limítase a facer streaming), o que non fai que esta ferramenta non estea nunha situación legal bastante comprometida, xa que Sampson asegura que non vai chegar a acordos de licenza como fan o resto de servizos musicais.
Aurous chega como unha alternativa de balde aos servizos de streaming musical
Compartir Este Artigo

