A tímida introdución do vídeo nativo en Facebook conseguiu unha resposta difícil de prever, de xeito que a plataforma social de Mark Zuckerberg conseguiu superar a DailyMotion ou Vimeo, colocándose como o principal competidor de YouTube á hora de compartir vídeo na Internet, como un grandísimo exemplo do moito que poden mudar os hábitos de consumo de contidos no contorno dixital.
Conscientes do potencial do vídeo como formato publicitario e como captador de audiencias, dende Facebook xa incorporaron durante os últimos meses a posibilidade de compartir os vídeos de Facebook noutros espazos na web, a retransmisión de vídeo en directo e o soporte de vídeo en 360 graos, e agora anuncian que están a experimentar con moitas máis melloras que buscan potenciar o consumo de vídeos (principalmente en mobilidade).
Por exemplo, algúns usuarios de iPhone están a ver como tras ver un vídeo en Facebook aparécelle unha relación de vídeos suxeridos, o que está a ter moi boa resposta, polo que é de agardar que en breve leven esta prestación a Android e á web.
Para facilitar que os usuarios poidan continuar a interactuar con Facebook mentres ven un vídeo tamén permitirán que se poida ver un vídeo nunha fiestra flotante, de xeito que pódese manter unha reprodución mentres se len outros contidos, realizan comentarios… facilitando facer no móbil algo que en equipos de escritorio é bastante habitual.
Pensando neses momentos nos que non podemos ver un vídeo ou non podemos activarlle o son, tamén están a incorporar a función de gardar vídeo, de xeito que quede almacenado para a súa reprodución máis adiante.
E, finalmente, tamén están a preparar un espazo en Facebook para os usuarios que buscan exclusivamente vídeo, ou sexa, que na aplicación de Facebook haberá un apartado de vídeos, polo que podemos concluír que Facebook está a youtubizarse, incorporando moitas prestacións que YouTube ten dende hai anos, o que axudará a igualar a competencia entre ambas plataformas.
Para facilitar a publicación de vídeos tamén están a mellorar as ferramentas que permiten aos administradores de páxinas de Facebook a subida de fotografías, permitindo así facilitar que os editores poidan tirar un mellor proveito dos seus contidos audiovisuais en Facebook.
Facebook avanza na súa youtuberización
Compartir Este Artigo
