Pese a que aínda non é moi popular entre o grande público, o podcasting conta cada día cunha actividade maior, en boa medida polos avances técnicos que facilitan que case calquera poida realizar unha gravación sonora cunha calidade mínima para compartila na Rede. Unha das plataformas que como grande vantaxe ten o feito de permitir gravar un podcast directamente dende o móbil e Spreaker, que conta tamén cunha ferramenta chamada Spreaker Studio que facilitaba dar toques profesionais ás gravacións, permitindo as transmisións en directo e mesturar a voz do usuario con música e efectos sonoros, pero agora esta ferramenta dá un salto adiante tan sorprendente como prometedor, xa que estrea versión para Windows e OS X, que está dispoñible para a súa descarga, de xeito que agora esta solución de retransmisión e gravación profesional de podcasts pode empregarse directamente en ordenadores persoais, o que non só da un maior nivel de control ás listaxes de reprodución que podemos incluír nas gravacións e fai máis doada a incorporación de efectos sonoros á vez que se pode manter un chat para interactuar coa audiencia en tempo real, senón que tamén facilita a xestión de borradores e capítulos dun podcast e achega un grande nivel de control de micrófono, fontes sonoras e saídas de audio (podendo así regular os niveis de volume ou incluso enmudecer unha fonte de audio nun momento determinado). Precisamente este último apartado é moi interesante polo feito de que valéndose de certas ferramentas (Soundflower en OS X e VB-cable en Windows) facilítase a incorporación de Skype como fonte sonora, de xeito que é máis doado realizar dende unha entrevista ata unha gravación con varios interlocutores, facendo que un simple ordenador doméstico poida converterse en todo un estudio de radio dixital.

