O colectivo galego GALPon anunciou os días pasados que xa temos dispoñible a nova versión do seu sistema operativo para os nosos escolares, PicarOS Diego. A nova achega, sinalan dende GALPon, reborda de novidades relativas a múltiples aspectos (máis aplicacións ofimáticas, un engadido para LibreOffice que separa por cores as sílabas das palabras en pantalla, un curso de mecanografía para Ktouch con cincocentas leccións, incorporación do programa Lector para lectura de textos, máis xogos, navegadores actualizados, novas ferramentas para a formación musical, etc). Estas optimizacións fixéronse posibles grazas a múltiples frontes de información e colaboración, por exemplo a fronte dos propios mestres dos cativos que usan PicarOS Diego.
Como dixemos, entre as novidades a salientar temos a incorporación (a nivel de accesorios) do programa Lector, unha ferramenta que é quen de ler calquera texto seleccionado en todo tipo de aplicacións e que está pronto para facer o mesmo cos libros dixitais das editoriais (sempre e cando permitan seleccionar texto). Lector fai recoñecemento de caracteres ao voo.
Tamén, como dixemos, incluíuse un curso completo de mecanografía para Ktouch con 500 leccións + 50 pequenos textos nos que, segundo informa GALPon, “empregáronse palabras e frases reais no canto de repetir duascentas mil veces combinacións de letras sen sentido coma acontece na maioría dos cursos deste tipo”. A nivel de xogos, incorporáronse múltiples achegas como Gatino (xogo de lóxica), Kidsudoku (un sudoku para os máis pequenos), Sudokuki (xogar, crear ou imprimir sudokus), Mr. Rescue (rescatamos as persoas dun edificio en chamas) ou Regame (o xogo da reciclaxe), etc
Tamén se engadiu, entre outras moitas cousas nesta nova versión, un novo script que modifica efectos visuais, desactiva servizos e programas no inicio, muda o aspecto do que vemos “pero mantendo as súas funcionalidades e engadindo máis memoria SWAP, “todo para reducir aínda máis o uso de RAM e mellorar a velocidade en equipos moi vellos”, explican dende GALPon, que engaden que o script chámase Caracol e pódese atopar tamén no menú Utilidades de Minino.
GALPon anuncia a nova versión de PicarOS Diego 2015
Compartir Este Artigo

