A pasada fin de semana os clientes de accesos á Rede do operador de cable R experimentaron grandes problemas para gozar do servizo debido a unha incidencia que segundo numerosos clientes comezou o venres pola noite, pero que practicamente os deixou sen acceso á Rede durante toda a xornada do sábado, atribuíndo a compañía de telecomunicación o fallo a un ataque informático que afectou aos seus servidores de DNS.
Aínda que a conexión á Internet dos clientes de R non chegou a pecharse de todo, o mal funcionamento durante o sábado facía que navegar pola web fose unha tarefa imposible, levando aos numerosos clientes da compañía a manifestar a súa indignación nas redes sociais, xa que R tampouco respondeu do mellor xeito posible esta crise, quedando colapsado o seu sistema de atención telefónica e con moitos usuarios sendo conscientes de que a incidencia era xeral pola prensa.
As redes sociais foron os medios polos que R mellor deu conta da incidencia, aínda que en varias ocasións deron a incidencia por resolta, cando na práctica só houbo pequenos momentos de calma entre a tormenta de mal funcionamento do servizo para desesperación dos usuarios, que desconfiaban das explicacións que se lles estaban a dar, e esixían compensacións pola caída no servizo.
Unha vez resolta a incidencia moitos usuarios atopábanse sen acceso á Rede, debido a que durante os acendidos e apagados dos seus routers durante a xornada des configuróuselles a súa rede Wi-Fi, polo que tiñan que proceder a súa correcta configuración, o que por fin poñía punto e final á molesta incidencia que afectou tanto ao traballo como ao lecer de milleiros de galegos.
R padece un ataque informático que deixa sen servizo de Internet aos seus usuarios durante boa parte do sábado
Compartir Este Artigo
