O mundo intelixente (ou smart) avanza a pasos de xigante e chega a todas as canles: a Internet das Cousas, as Cidades Intelixentes, a enerxía limpa e sustentable e tamén a industria quer ser agora smart. Apañando todos estes avances, retos e oportunidades que implica o termo intelixente hoxe, mércores 28 de outubro, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acollía unha xornada organizada pola Cátedra Telefónica. A finalidade da mesma era a de dar a coñecer os proxectos que se están a poñer en marcha dende Telefónica no eido da innovación tecnolóxica e social e de apoio ao emprendemento. A xornada contou tamén cun relatorio sobre a internet das cousas e unha mesa redonda sobre os retos das Smart Cities,completándose xa pola tarde cun seminario sobre educación dixital, moocs e a plataforma MiríadaX.
O responsable de Telefónica en Galicia, Manuel Ángel Alonso, incidiu en que están a traballar en dous eidos: por unha banda, xerando innovación e fomentando novos modelos de xestión e de negocio para este novo paradigma a través da procura de inversión e do apoio ás startups e, por outra banda, incidindo na divulgación, xa que “estes conceptos supoñen novas contornas de traballo e novas fiestras de oportunidades e temos que ser quen de aproveitalas”. Manuel Ángel Alonso referiuse tamén a un novo ámbito, a smart industry. Como exemplo, apuntou que xa non se dubida que a recollida da froita será realizada por drons dentro dun tempo.
O concepto de smart industry foi recollido polo director da Cátedra Telefónica para a Innovación Enerxética para incorporala ao eido de traballo e estudo dos investigadores que dela forman parte. José Cidrás tamén adiantou neste acto as actividades da cátedra para este curso, entre as que subliñou a participación no Foro Tecnolóxico de Emprego que se celebrará en marzo de 2016 ou a organización da segunda edición do Hack for Good, unha actividade creada arredor de retos ou desafíos de innovación social. Cidrás tamén adiantou que durante este curso terán lugar dúas edicións do curso de iniciación ao Arduino e en abril un obradoiro avanzado.
En canto a novidades da cátedra, unha iniciativa de constitución de equipos de estudantes para traballar en Retos Smart de innovación tecnolóxica e social que xirarán arredor de temáticas concretas como a smart-enerxía, pensado para o campus de Vigo; o smart-rural, para titulacións do campus de Ourense; e aínda por definir retos smart relacionados con Vigo, co campus verde e “agora tras esta xornada engadiremos a temática da smart-indutry”. Asemade, ao longo deste curso traballarase para poñer en marcha un curso (mooc) sobre tecnoloxías e aplicacións intelixentes, “unha iniciativa de educación dixital que quizais empregue a plataforma MiriadaX”, concluía o responsable da cátedra.
A xornada completouse coa presentación do proxecto Open Future de Telefónica por parte de Carmen López, xerente de Galicia Open Future Telefónica, quen lembrou que se na pasada edición recibiron 136 propostas, neste ano foron xa 148. Logo seguiulle, Ángel González de la Fuente, responsable de proxectos Telefónica Educación Dixital, quen presentou a iniciativa en educación dixital Miriadax, unha plataforma para moocs en español e portugués que conta xa con 1.700.000 inscritos.
A xornada da mañá completouse coa conferencia de Francisco Javier Zorzano Mier (Departamento de I+D de Telefónica) sobre a internet das cousas e cunha mesa redonda sobre os retos en Smart Cities na que participaron David Regades (concelleiro de Fomento), Raquel Morito (equipo Administración Pública Telefónica) e Íñigo Cuiñas (director da EE de Telecomunicación). Xa pola tarde desenvolveuse o seminario titulado Moocs e MiríadaX.
A EE de Telecomunicación presenta as actividades da Cátedra Telefónica e fala sobre o termo smart
Compartir Este Artigo

