O xornalista, profesor da USC, director de culturagalega.org e blogueiro Manuel Gago decidiu emprender un novo proxecto dixital: recompilar en forma de libro electrónico máis de dez anos de textos sobre cociña, restaurantes e chefs documentando así os profundos cambios vividos polo sector gastronómico galego cun estilo ameno e non carente de sorna. Gago “narra dende unha óptica galega os costumes gastronómicos do urbanita e do habitante do rural do século XXI”, de xeito que nas páxinas de Platos Rotos tanto podemos ver a chefs galegos como Pepe Solla ou Marcelo Tejedor ata a emblemática comida de El Bulli de Ferrán Adrià.
Este novo libro serve para organizar traballos dispersos de Gago publicados en revista, libros e textos, que así están agrupados dun xeito coherente, o que tamén o levou a que o volume estea editado en español, xa que moitos dos textos orixinais foron redactados en tal lingua, buscando así chegar a un público máis amplo, de xeito que esta publicación servirá para experimentar coas posibilidades de autoedición que ofrece Amazon, xa que este e-book distribúese a través da plataforma Kindle, podendo mercarse de xeito promocional por 0,99 euros e estando tamén dispoñible para os subscritores de Kindle Unlimited.
Manuel Gago Mariño (Palmeira, Ribeira, 1976) é doutor en CC. da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade, é director de culturagalega.org, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega e profesor asociado na Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, formando aos novos xornalistas na especialidade de ciberxornalismo. É editor de Capítulo Cero (www.manuelgago.org/blog), un dos blogs referentes da rede galega, no ámbito da divulgación histórica, científica, en estilos de vida, gastronomía e cultura, e por el ten recibido premios e mencións de diferentes colectivos profesionais galegos.No ámbito da difusión e investigación no ámbito arqueolóxico, Gago ten participado en proxectos como a escavación do poboado da Lanzada (2010) e ten promovido e coordinado iniciativas de arqueoloxía e comunicación pública nos sitios arqueolóxicos de Pena Furada (Coirós), Torre dos Mouros (Lira, Carnota, 2012), Castro de Mallou (Carnota, 2013), Croas de Niñóns (Ponteceso, 2013) ou As Croas de Cerqueda (Malpica, 2014, en curso). É fundador de patrimoniogalego.net, a rede social do patrimonio cultural de Galicia.
Como ensaísta e escritor, Gago ten publicado libros con éxito de público. Nos últimos anos, é coautor do libro Rías Baixas, Gourmet Territory (2011), unha publicación destinada a presentar internacionalmente a gastronomía contemporánea do litoral sur de Galicia a un público de foodies e gourmets. En 2012 publicou, canda o arqueólogo Xurxo Ayán, o ensaio Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI (2.0 Editora). No 2013 editou o libro de narrativa Vento e Chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia (Ed. Xerais).
