Este luns ás 12 do mediodía o director do Colexio de Educación Infantil e Primaria Ponte dos Brozos de Arteixo, Javier Díaz López, inaugurou a primeira sesión oficial do Club do Codificación do dito centro educativo. Segundo fixeron os impulsores da iniciativa, trátase literalmente dun “club de código informático”, onde se aprende a programar en grupo, intercámbiase información e habilidades e uns (os alumnos que ensinan) e outros (os que reciben formación) extraen recursos de proveito para o seu presente e, tamén, para o seu futuro. Na experiencia participarán máis de 300 alumnas e alumnos dos cursos comprendidos entre terceiro e sexto de Primaria.
Todas e todos terán a oportunidade de afondar, no seu tempo de lecer, nos fundamentos da linguaxe de programación. Segundo informa o centro, “debido á grande demanda houbo que establecer un horario provisional para que todo o alumnado interesado nesta actividade voluntaria puidera asistir”.
O Club é unha das propostas do proxecto Gamificación e programación de videoxogos, gañador na segunda convocatoria do concurso Proxecta Innovación (Fundacións Amancio Ortega e Santiago Rey Fernández-Latorre). O seu obxectivo, como dixemos, é iniciar aos escolares no coñecemento da linguaxe de programación. Seguindo informa o centro, “amais do que se realiza en moitas aulas do colexio dun xeito curricular, pretendemos que a práctica da codificación chegue ao resto do alumnado para que todos e todas poidan coñecer esta linguaxe do século XXI”.
Nun plano máis concreto e máis alá do devandito, búscase familiarizar ás novas xeracións con cousas como aprender comprende ideas matemáticas, variables, condicionais, así como estratexias para solucionar problemas, deseñar proxectos e comunicar ideas. “Desta forma”, engaden os responsables da iniciativa, “estamos espallando a idea de sermos creadores activos, de aprendermos facendo e ensinando entre iguais”.
No Club, será o alumando cunha experiencia de dous cursos programando nas súas aulas o que transmitirá e dirixirá a aprendizaxe do resto das súas compañeiras e compañeiros.
Máis de 300 escolares participarán no Club de Codificación Ponte dos Brozos
Compartir Este Artigo
