O comercio electrónico segue a ter boa saúde no ámbito estatal, tal e como demostra o novo informe do observatorio ONTSI, aínda que segue lonxe das cifras que atesouran países europeos máis e mellor afianzadas no emprego de Internet. Segundo fai saber o observatorio no seu último informe sobre a materia, o estudo B2C 2014 presentado hoxe, o comercio electrónico acadou en 2014 os 16.259 millóns de euros, un 11,3% superior ao conseguido no ano 2013. Segundo se fai saber, este medre débese ao aumento do gasto medio por comprador (876 euros, un 11,4% máis que en 2013) e, tamén, á contribución da taxa total de internautas, que en 2014 sitúase en 29,9 millóns de individuos, o 76,1% da poboación (amosando un crecemento de 3,2 puntos). Tamén axuda, por outra banda, a cifra de usuarios TIC compradores (que sobe ata o abranguer o 62% dos internautas).
Polo que respecta ao “comportamento” da actividade comercial en liña, esta “tende a caracterizarse pola súa falta de regularidade no que a frecuencia se refire”. Así, o informe sinala que o 63,2% dos compradores declara facelo sen unha periodicidade fixa, mentres que, no outro extremo, non chega ao 10% o número dos que manifestan efectuar polo menos unha compra mensual, e menos do 2% fano semanalmente.
Tamén se indica no informe que o fogar segue sendo o lugar preferido para realizar as compras online (92,8%) e, a empresa ou lugar de traballo mantense en segundo lugar (10,6%), aínda que descende significativamente a prol das compras en mobilidade, cuxa penetración vese incrementada en máis de dous puntos porcentuais (10,5%). No estudo tamén se di que os sitios web que se apoian principalmente no ecommerce seguen a ser as principais canles de venda para a comunidade de usuarios, cunha taxa do 61,4%. Pola súa banda, os cartóns de crédito e débito atesouran de novo o privilexio de seren as formas de pago preferidas, cunha porcentaxe do 64,1%. Os sistemas intermediarios de pago son utilizados polo 25,3% dos compradores, ocupando a segunda posición. Os produtos que seguen a liderar o negocio en liña son os billetes de transporte (43%), seguidos da adquisición de roupa, complementos e artigos deportivos (39,2%), as reservas de aloxamento (37,4%) e a compra de entradas a espectáculos (36,7%).
No informe tamén se indica que a cifra de internautas que adquiren produtos ou servizos a través de dispositivos móbiles (mCommerce) sitúase en 3,3 millóns de persoas, o que representa ao 17,8% dos internautas compradores. Entre os artigos mercados por este vieiro salientan os produtos físicos (63,1%) e servizos (50,9%). En troques, a adquisición de contidos dixitais resulta “bastante minoritaria”, sendo a taxa do 26,4%.
O ecommerce acada os 16.259 millóns de euros en 2014
Compartir Este Artigo

