Nos últimos meses o procesador Qualcomm Snapdragon 810 deu moito que falar por mor dos seus problemas de sobrequecemento, que levou a varios fabricantes a optar por procesadores Exynos ou MediaTek (entre outros) para algúns dos seus terminais de alta gama, e para recuperar a súa posición de dominio Qualcomm vén de presentar en New York o Snapdragon 820, un procesador moi avanzado que está deseñado pensando en ofrecer bo audio e vídeo, comunicacións rápidas, seugridade e boa autonomía.
O procesador Qualcomm Snapdragon 820 conta con X12 LTE (conseguindo triplicar as velocidades punta de subida en banda larga móbil e incrementar un 33% as velocidades de descarga), dobra o desempeño e a eficiencia da súa CPU en comparación co Snapdragon 810, a súa gráfica Adreno 530 supón unha mellora de velocidade do 40% fronte á Adreno 430, o seu procesador de imaxe Spectra Camera ISP é capaz de capturar imaxes de ata 28 Mpíxeles, soporte LTE Categoría 12 (ata 600 Mbps de descarga), soporte de Wi-Fi AC e Wi-Fi AD, e incluso sería o primeiro procesador comercial en utilizar LTE-U (que suma parte do espectro libre para acelerar as comunicacións 4G).
Qualcomm tamén incorpora a versión 3.0 da súa tecnoloxía de carga rápida, que sería ata 4 veces máis rápida que unha carga ordinaria e conseguiría un 38% máis de eficiencia que a tecnoloxía Quick Charge 2.0.
Queda agora por ver quen será o primeiro fabricante de smartphones en integrar esta nova xeración de procesadores de Qualcomm que promete sentar as bases dunha nova gama alta que previsiblemente imperará en 2016.
Preséntase en sociedade o procesador Qualcomm Snapdragon 820
Compartir Este Artigo
