Dende o Campus de Pontevedra chéganos estes días un traballo de investigación que avalía o discorrer (pasado, presente e futuro) dun subxénero audiovisual que serve, máis que ningún outro, para crear expectación e incentivar o mercado do cinema de ficción, das series ou dos documentais. Falamos dos tráilers cinematográficos, pezas xeralmente de reducido tamaño e que, segundo a autora da investigación, María Lois, “tamén son resultado dun proceso creativo”. Para a súa tese, Lois estudou os cambios experimentados polos tráilers ao longo do tempo (unha evolución paralela ao das súas irmás maiores, as longametraxes), uns cambios que os levaron a converterse finalmente en “configuradores dun imaxinario colectivo fílmico” e que acadaron un punto de inflexión coa chega de Internet, en palabras da investigadora “unha magnífica plataforma” para a súa difusión, grazas á que pasou de ser un produto efémero a erixirse como “un formato perdurable e duradeiro”.
Segundo recolle Lois na súa tese As ás de Ícaro, o tráiler cinematográfico, un tecido artístico de soños, que dirixiu o profesor de Belas Artes José Chavete, estas pezas audiovisuais teñen amosado en múltiples ocasións unha elevada rendibilidade, cousa que ten aínda máis relevancia se comparamos os recursos que precisan para o seu financiamento (entre o 1% e o 4% do orzamento total da mercadotecnia dun filme) cos das producións das que abrollan e que complementan. En termos concretos e facendo unha media aplicable a todos o mercados, “xérase grazas a eles entre o 25% e o 40% do beneficio”, sinala a investigadora, que subliña a condición do tráiler como “modelador do imaxinario colectivo”, grazas á súa capacidade para espertar o interese do público por unha determinada película. De feito, explica, “son pezas de natureza breve” que os espectadores visualizan antes cás longametraxes, o que implica a promesa de algo novo, un xogo de expectativa co espectador”.
Para o título da súa tese, María Lois inspirouse na lenda grega da fuxida de Ícaro de Creta coas ás que creara seu pai, Dédalo, unhas ás que, lembra, lle proporcionaron unha “liberdade da que carecen moitos creativos de tráilers, xa que no panorama cinematográfico domina un esquema estandarizado debido ás necesidades mercantilistas inmediatas”. Nese senso, esta investigadora recoñece que o feito de que promocionar unha película sexa o obxectivo fundamental dun tráiler fai que destaque a súa “compoñente económica”. Mais, como lembra Lois, estes “teñen tamén unha compoñente creativa e artística”.
Sobre o estado no que se atopa arestora este subxénero, a investigadora repasa o pasado recente salientando que “o tráiler pasa do cinema ao televisión, ao vídeo e ao DVD e de aí a Internet para propagarse polas diferentes pantallas individuais”, de tal xeito que na actualidade “estanse configurando como un elemento urbanístico”. E engade: “De ser unhas pezas que se visualizaban nun momento concreto pasan a divulgarse a través de todas as pantallas que nos seguen máis aló da sala de cinema”, coma computadoras, móbiles ou tabletas, chegando mesmo ata as pantallas dos centros comerciais, dos aeroportos ou incluso das fachadas dos edificios. Esta propagación dos tráilers asociada ás novas tecnoloxías (e ao espallamento delas) fixo, en opinión da investigadora, que o propio espectador tamén experimentase cambios. Así, di, “pasamos dun espectador pasivo a un usuario activo”. Ao seu xuízo, os avances tecnolóxicos fixeron evolucionar o tráiler nuns tempos nos que é o espectador o que “decide cando e como quere velos”.
Unha tese da UVigo demostra como as TIC universalizaron os tráilers de cinema
Compartir Este Artigo

