A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) acollerá a semana que vén o segundo Taller Internacional en Marketing Expertise sobre Comercialización da Innovación e a Tecnoloxía, unha iniciativa da Escola de Negocios Afundación e o Posgrao en Xestión Empresarial da Innovación da UDC. O obradoiro, que se dirixe a amosar aos nosos futuros profesionais e empresarios como comercializar tecnoloxía no mundo (empregando, por suposto, tecnoloxía), contará coa presenza do profesor Salvador Alanis, director do Grupo Global de Comercialización (GCG) do Instituto IC2 da Universidade de Texas (Austin). A súa conferencia ten o obxectivo de compartir a aprendizaxe e os logros recentes do Grupo no eido dos programas de desenvolvemento económico, que levan a cabo desde fai máis dunha década.
O obradoiro inaugurarase ás 19.00 horas coa presenza do director da Escola de Negocios, Aurelio Villa, e a presentación do seminario por parte do profesor Andrés Faíña. Logo será a quenda de Salvador Alanis, ao fío das 19.30 horas. A cita é o vindeiro luns 16 na Sede Afundación da Coruña (Cantón Grande, 8).
Segundo informan os organizadores do evento, o IC2 Institute da Universidade de Texas é un centro de investigación pioneiro no eido da innovación tecnolóxica. Foi fundado co obxectivo de catalizar o desenvolvemento económico rexional a través da colaboración activa e direccional entre a universidade, o goberno e os sectores privados, para fomentar a transferencia tecnolóxica cara ao sector empresarial. “Desde entón”, sinala a organización do obradoiro, “o Instituto investigou a teoría e a práctica da creación da riqueza e foi fundamental no crecemento da cidade de Austin como centro de innovación e tecnoloxía, así como no desenvolvemento das economías baseadas no coñecemento en máis de 30 países ao longo de todo o mundo”.
Polo que respecta a Salvador Alanis, é director dos programas de Comercialización Global do Grupo en Corea do Sur e da iniciativa de Capital Privado e de Risco. Previamente, foi director do programa de Crecemento Innovador de GCG India e do programa de innovación Gyeonggi-do en Corea do Sur. Antes de entrar no Grupo Global de Comercialización, ocupou varios postos de alta dirección en empresas privadas e públicas nos EEUU e en México, e fundou unha compañía de capital privado e consultoría profesional.
A experiencia de Salvador Alanis en postos de dirección esténdese desde novas compañías a grandes corporacións multinacionais nos sectores da banca, biotecnoloxía agrícola, produtos ao por menor, consultoría profesional e fabricación industrial e química. Ademais, é executivo de varias organizacións e segue a ser consultor de capital privado.
Licenciado en Económicas polo Instituto Tecnolóxico de Estudos Superiores de Monterrey, realizou tamén un Mestrado en liderado de empresas no Centro Duxx de Excelencia Emprendedora.
Afundación acolle o día 16 un obradoiro sobre como levar a nosa tecnoloxía ao mundo
Compartir Este Artigo

