Telefónica deu a coñecer os datos relativos ao estudo de MERCO (Monitor Empresarial de Reputación Corporativa) sobre a confianza que inspiran nos consumidores as empresas e servizos con operativade en Iberoamérica, uns datos que lle dan un extra de impulso á operadora española logo do informe sobre os seus números recentes (moi positivos) presentado o pasado 6 de novembro. Na investigación de MERCO, máis polo miúdo, sinálase que a compañía obtivo 7.820 puntos “de reputación”, o que a sitúa no posto oitavo da clasificación, liderada por Coca-Cola, con 10.000. A listaxe está composta por 200 empresas de 26 sectores de actividade. Entre as 20 primeiras, amais de Telefónica, só aparecen tres firmas estatais máis: Santander (posto 12), BBVA (15) e Mapfre (19).
Para elaborar esta listaxe, MERCO parte das 100 empresas con mellor reputación de cada un dos países onde se elabora o ránking coa opinión de analistas financeiros, comités de dirección, ONG, sindicatos, asociacións de consumidores, xornalistas de información económica e catedráticos da área de empresa. “A puntuación dunha compañía en cada país”, sinala Telefónica, “é consecuencia dos puntos obtidos na clasificación correspondente e das valoracións do país”. Segundo engade a operadora, esta listaxe é “o único monitor de reputación verificado no mundo”. De feito, lembra Telefónica, o seguimento da metodoloxía para a súa elaboración é obxecto de revisión independente por parte de KPMG segundo a norma ISAE 3000.
Telefónica é a telco con mellor reputación en España e Latinoamérica
Compartir Este Artigo

