Un dos principais problemas que temos actualmente cos smartphones é a súa autonomía, que busca solucionarse por varias vías diferentes: incrementar a capacidade das baterías, reducir o consumo dos terminais e reducir os tempos de carga. Este último elemento está a ser no que máis avances vemos nos últimos meses, converténdose nun interesante xeito de paliar un grande problema, e no que algúns fabricantes conseguen innovar de xeito que poden facer que a práctica de deixar o móbil cargando durante a noite pase á historia.
A grande sorpresa dos últimos días é que non é Apple ou Samsung a compañía que demostra a súa nova tecnoloxía de carga rápida, senón que é un fabricante chinés, Huawei, o que amosa baterías que poden chegar á metade da súa capacidade en só 5 minutos. Esta nova tecnoloxía de Li-Ion sería a que vemos en moitas baterías actuais, e nas demostracións realizadas por Huawei vemos como unha batería de 3.000 mAh con 5 minutos de carga (nun cargador externo, non dentro do propio smartphone) chega ata o 48% da súa capacidade, mentres que unha batería de 600 mAh chegaría ata o 68% da súa carga en só 2 minutos.
O máis importante desta tecnoloxía é que, segundo Huawei, non se limita a cargas puntuais, senón que podería realizarse con frecuencia, aínda que agora o reto está en conseguir que o sistema carga rápida poida reducir o seu tamaño para poder integrarse en smartphones (xa que os cargadores actuais son moi voluminosos).
Huawei presenta unha tecnoloxía que carga a batería dun smartphone ata a metade en 5 minutos
Compartir Este Artigo
