O Clúster TIC Galicia e AMTEGA teñen preparada para este mércores 25 unha completa xornada sobre as cousas que poden facer por nós as tecnoloxías en mobilidade. A cita será no Centro Demostrador TIC de Santiago e desenvólvese baixo o seguinte epígrafe: SmartPEME, PEME móbil e conectada. O número de prazas é limitado, polo que para asistir é preciso inscribirse a través da páxina web do CDTIC, informa a organización. Segundo informan AMTEGA e o Clúster, o encontro ten como obxectivo achegar un emprazamento onde se xunten as nosas empresas, sexan do sector que sexan, para reflexionar conxuntamente “sobre unha realidade ineludible”: este que vivimos é o intre de levar ao tecido produtivo “o que xa é normal nas rúas”.
Durante a xornada daranse a coñecer os beneficios que a mobilidade achega ás empresas, sobre todo os relacionados coa produtividade destas, na relación cos clientes ou nos procesos de fabricación e produción. Asemade, o encontro busca ser un escaparate para que PEME galegas “coñezan de primeira man provedores TIC que poidan converterse nos seus aliados tecnolóxicos no seu proceso de transformación dixital e de adaptación á mobilidade empresarial”.
No marco da xornada presentarase o Catálogo de solucións TIC en mobilidade, elaborado pola AMTEGA e o Clúster TIC de Galicia, no que se inclúe “unha mostra representativa da tecnoloxía en mobilidade ofertada en Galicia”. A través deste catálogo, accesible tamén desde a páxina web do CDTIC, as empresas “poderán localizar de xeito doado e por múltiples criterios de busca aquelas solucións en mobilidade que máis acaidas sexan aos seus negocios, así como identificar os provedores tecnolóxicos que llelas fornezan”.
As vantaxes da mobilidade para todos os nosos sectores, polo miúdo este mércores no CDTIC
Compartir Este Artigo

