A semana pasada celebrouse a terceira edición do Foro da Comunicación de Galicia, unha xuntanza impulsada por Expourense (desenvolvida no recinto de seu) e encamiñada a debater sobre cales poden ser os vieiros máis produtivos, frutíferos e rendibles para os nosos profesionais da publicidade, a información, a mercadotecnia e todas as moitas facetas que adopta hoxe en día o proceso comunicativo. No evento participaron quince expertos avaliando “o presente e o futuro” desta profesión e as súas diferentes modalidades, facendo fincapé no seu potencial para impulsar unha chea de sectores e empresas, aos que os comunicadores poden e deben dar voz ao abeiro das novos espazos virtuais.
Segundo informaron no evento, o primeiro que cómpre acometer é concienciar da súa importancia ao tecido produtivo galego. E, tamén, inverter o seguinte dato: segundo estudos recentes, só o 20% das pequenas e medianas empresas de Galicia teñen profesionalizada a súa comunicación. Igualmente no Foro xuntáronse azos para loitar contra a elevada porcentaxe (o 54%) de empresarios galegos que non valoran a función da comunicación na empresa. En consecuencia e debido a variados factores, fíxose saber, proliferan dun tempo a esta parte múltiples exemplos de tarefas de comunicación (posta en marcha e mantemento de páxinas web, contacto con clientes e usuarios, deseño de campañas en liña, actividades de community manager) nas que só participan profesionais alleos á comunicación propiamente dita, “por exemplo persoal de informática e de recursos humanos”, prescindíndose da presenza de verdadeiros expertos en contido e formato comunicativo. No Foro avogouse por rematar con esta situación con actividades concretas de sensibilización, por incidir no carácter da comunicación como un investimento (no canto dun gasto) e por lembrar a importancia deste tipo de labores profesionais para as empresas, “que para competir nun mundo globalizado e seren responsables cos clientes e usuarios, deben incluír a comunicación no seu orzamento, ben a través da contratación no seu cadro profesional ou a través dos servizos contratados a unha consultora externa”.
Polo que refire aos participantes no Foro, contouse coa presenza (entre outros relatores) de Manuel Gago, profesor da Facultade de Comunicación de Santiago e blogueiro (autor de Capítulo Cero), quen salientou que comunicación científica “é un nicho de audiencia e de emprego”, engadindo que a comunicación científica nos medios de comunicación galega “é aínda moi deficiente”. E apuntou: “Nela o interesante non está nos resultados, está no proceso; de feito os medios quédanse cos resultados finais”.
Ao longo da xuntanza, que tamén se estendeu pola tarde, foron presentadas iniciativas concretas de comunicación avanzada e innovadora, como por exemplo o proxecto de termalismo solidario Smiley Water promovido pola Deputación de Ourense, no que colaboran Cruz Vermella, Expourense e o Colexio Padre Feijóo, e que ten o obxectivo de axudar aos nenos e nenas de países en conflito de Oriente Medio. Durante esta presentación realizouse unha conexión por videoconferencia co autor e cantante Alejandro Abad e cos delegados de Termatalia en México Norte e a Arxentina, que participaron neste proxecto. Logo disto, desenvolveuse a clase maxistral de Alberto Dafonte, profesor da Facultade de Comunicación de Pontevedra, sobre a viralidade da información e os porqués de compartirmos contidos a través das redes. A conferencia de clausura foi impartida polo director de ABC, Bieito Rubido, quen analizou o panorama estatal perante as vindeiras eleccións xerais do 20D.
O Foro contou co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense e o apoio do IGAPE e da Secretaria Xeral de Medios da Xunta de Galicia. No seu transcurso, a maiores, entregáronse os galardóns da terceira edición dos Premios á Comunicación Innovadora de Galicia, cuxa finalidade foi recoñecer publicamente iniciativas profesionais e empresariais “que tiveran salientado por revalorizar o eido da comunicación”. Impuxéronse neste certame a axencia Quattro IDCP coa campaña Sex Invaders, o medio en liña GCiencia, FollowUS Televisión e o Proxecto Pilgrim.
Os analistas reunidos en Expourense lembran ás empresas a importancia de facérense con profesionais da comunicación
Compartir Este Artigo

