BlueStacks, a ferramenta que permite gozar de aplicacións para Android en Windows e OS X, está de renovación, de xeito que xa podemos descargar BlueStacks 2, a meirande actualización ata o momento, que presenta moitas características novas, aínda que advirten que poderían experimentar algúns problemas nas primeiras versións deste reprodutor de aplicacións tan práctico.
A principal novidade do App Player de BlueStacks 2 é a capacidade multi-tarefa, ou sexa, que o sistema funciona cun sistema de fichas semellante a un navegador web para facilitar o uso de varias aplicacións á vez, de xeito que un usuario pode, por exemplo, manter unha aplicación de mensaxería aberta mentres bota unha partida ao seu xogo móbil favorito.
Os usuarios tamén teñen agora un acceso doado a funcións como determinar a ubicación, sacudir a pantalla, axustar o volume e moito máis, que agora están presentes na barra de ferramentas ao lado esquerdo do App Player. Tamén dan conta da optimización do sistema para aplicacións como Google Chrome e Snapchat e para xogos como os de Angry Birds ou Temple Run 2.
Esta ferramenta ten xa 100 millóns de usuarios en todo o mundo, e promete continuar a evolucionar para facilitar que ordenadores e tabletas con Windows poidan gozar de aplicacións e xogos para Android, o que pode ter grande aplicación tanto ao lecer como para distintos usos de produtividade. A versión para OS X desta revisión de BlueStacks chegará máis adiante.
Vídeo de presentación de BlueStacks 2

