
Na sinatura participaron os presidentes das patronais, Carlos Conde (Ineo) e José María López Bourio (AGESTIC). Ambos salientaron ante os medios os moitos puntos en común de ambas asociacións e, tamén, a misión compartida de construír un sector competitivo, “sensible ás necesidades do empresarial TIC galego e que consiga transferir tecnoloxía ao resto dos sectores e á sociedade”. Segundo engadiu Conde, en virtude deste acordo está máis vixente que nunca a máxima que alenta de sempre a Ineo: Camiñar xuntos refórzanos.
Pola súa banda, o presidente de AGESTIC, José María López Bourio sinalou que “este é un acordo moi importante para reforzar a representatividade das organizacións empresariais do sector TIC de Galicia ante o Goberno da Xunta de Galicia, as administracións, a sociedade e as empresas dos demais sectores”.
Tendo en conta estes compromisos e estes desafíos, ambas asociacións amosaron a súa arela de colaborar no posicionamento estratéxico das asociacións, identificando sinerxías entre as actividades e servizos proporcionados por parte das entidades asinantes. Desta maneira, sinalaron, poderán optimizarse recursos co obxectivo de “dar unha meirande visibilidade ás empresas, reforzalas nas súas actividades de negocio e facilitando a aparición de novas iniciativas empresariais”. Ademais, engadiron, analizarase a participación conxunta en proxectos do sector TIC, en calidade de socios ou colaboradores de calquera ámbito dos que se poidan beneficiar os asociados de Ineo e AGESTIC. Segundo fixo saber Conde, “iremos da man no medre e no afianzamento de novas iniciativas emprendedoras, porque é preciso aproveitar todo o potencial humano, intelectual e de valor engadido de Galicia”.
Asemade, Conde e López Bourio comunicaron que “tanto os socios de Ineo como os de AGESTIC poderán participar nas actividades da Fundación Tecnoloxía Social (FUNTESO) a efectos de difundir a actuación das súas empresas e dos produtos e servizos tecnolóxicos que xeran, participando en foros en Madrid e outras cidades españolas para chegar a outros mercados cos seus servizos TIC”.
Ineo e AGESTIC suman enerxías a prol do noso sector
Compartir Este Artigo

