Moitos usuarios de vehículos Volkswagen están dun tempo a esta parte (dende que se descubriu o fraude das emisións perpetrado pola compañía xermana) preguntándose que poden facer para saber se os seus coches están afectados polas tentativas da empresa de falsificar os volumes de gas CO2 emitidos. Ou sexa, para saber se os seus vehículos emiten máis do que din emitir e para coñecer tamén, o que poden facer para reclamar e pedir responsabilidades. Co fin de axudalos nas súas dúbidas a empresa IBM Abogados de Vigo vén de lanzar unha sistema para identificar coches involucrados. Os propietarios estarán en disposición de obter datos ao respecto cumprimentando unha enquisa na web do despacho ou descargándose unha aplicación específica.
Facendo unha destas dúas cousas os posibles afectados poderán saber se o límite das emisións do seu vehículo foi manipulado ou non pola compañía. Tamén recibirán cobertura profesional no que atinxe aos procedementos legais que se poden acometer. Tanto a enquisa en liña como a aplicación teñen a súa orixe nas moitas dúbidas achegadas por clientes de Volkswagen durante os pasados meses ao bufete de avogados vigués acerca da devandita problemática. Segundo lembran dende o despacho, cómpre ter en conta que o calote da casa xermana non só é un engano para o consumidor e para o respecto ao medio ambiente, senón que pode ter consecuencias en elementos como o imposto de circulación que estamos obrigados a pagar.
Un despacho vigués lanza aplicación para resolver as dúbidas dos afectados polo escándalo Volkswagen
Compartir Este Artigo

