A semana pasada presentouse na Coruña un caderno en liña destinado a traballar, dende a Rede e dun xeito colaborativo, a prol da recuperación da memoria histórica local (e tamén universal). Trátase do blog Memoria do Cárcere, que foi dado a coñecer na Casa Museo Casares Quiroga polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e polos impulsores da web (xunto co Concello): a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e o Proxecto Cárcere. O rexedor, no acto, lembrou o traballo despregado polo Goberno local a prol “da restauración da memoria histórica do rueiro” (desbotando as distincións a Millán Astray e a Juan Canalejo para substituílas polos nomes máis populares e acaidos de Praza das Atochas e Rúa do Socorro, respectivamente), un traballo que se ramifica na Rede coa posta en marcha de Memoria do Cárcere.
Na presentación da web tamén participaron, entre outras personalidades e expertos en materia de Memoria Histórica, o neto do ex alcalde Suárez Ferrín, Alfredo Suárez, o historiador Luis Lamela, así como representantes da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica e o Proxecto Cárcere.
O caderno presentado, tal e como se deu a coñecer, recupera para as xeracións presentes e vindeiras os acontecementos acaecidos no antigo cárcere da Coruña, emprazado a escasa distancia da Torre de Hércules e, en palabras dos impulsores do caderno, “o máis semellante a un campo de concentración que houbo na cidade”. De feito, tras seus muros confinouse logo do golpe do 36 a boa parte dos disidentes políticos da Coruña e da contorna que sobreviviron (algúns non por moito tempo) ás continuas represalias da contenda. As historias dos confinados son as que achegan o miolo do caderno Memoria do Cárcere, algúns dos cales fornecen testemuñas directas á paxina web, que se complementan con datos exhaustivos sobre como se vivía na cadea ou quen foron, con nomes propios, os que alí pasaron os seus últimos intres de vida.
A Coruña recupera cun blog os nomes propios de quen viviu e morreu no seu cárcere
Compartir Este Artigo
