Co incremento da cantidade de memoria RAM dispoñible nos equipos informáticos e os novos procesadores, os escritorios informáticos están xa a empregar masivamente sistemas operativos de 64 bits que tiren un bo proveito do hardware actual, pero aínda queda bastante software por dar tal salto (en boa medida para manter a compatibilidade con vellos equipos) e os usuarios de Firefox que queiran incrementar o rendemento da súa navegación web poden optar dende agora por instalar unha versión de 64 bits do seu navegador, que está xa dispoñible en galego para Windows e Linux.
Firefox 43.0 tamén está dispoñible na súa versión de 32 bits e, de feito, haberá usuarios que preferirán continuar a empregala, xa que algunhas páxinas web dan problemas con engadidos do navegador que non sexan de 32 bits, aínda que á meirande parte destes engadidos quédalles só un ano de vida, xa que Firefox eliminará o soporte de certas tecnoloxías que consideran pouco axeitadas, de aí que a escolla entre a versión de 32 ou a de 64 bits de Firefox dependerá no futuro unicamente da capacidade do equipo na que instalemos o navegador.
Aínda que de xeito xeral as aplicacións web deberían correr máis rápido cun navegador de 64 bits, non sempre é así, aínda que a navegación si será máis segura, e do que non hai dúbida é de que trátase do camiño a seguir, polo que o salto aos 64 bits é o máis recomendable actualmente.
Firefox estrea versión de 64 bits
Compartir Este Artigo

