A terceira edición do programa de axudas ás empresas Conecta PEME, que mobilizará máis de 40 millóns de euros a través dun investimento público de 25 millóns, achega dúas semanas máis para presentar solicitudes á convocatoria. Conecta PEME 3, iniciativa da que falamos os días pasados para dar conta das posibilidades para as empresas que achegan os nosos centros tecnolóxicos Gradiant e CITIC, vén da man da Consellería de Económica, máis polo miúdo da Axencia Galega de Innovación (GAIN). Segundo fan saber, “as PEME galegas contarán con 15 días hábiles adicionais para presentaren os seus proxectos”, ou sexa ata o 9 de febreiro.
A previsión, nesta convocatoria, é impulsar máis de medio centenar de iniciativas de innovación “de alto impacto” promovidas por consorcios empresariais formados por preto de 200 firmas galegas, “coa perspectiva de que a maior parte delas implique tamén a colaboración de centros tecnolóxicos e de investigación galegos”. Ou sexa, centros coma os devanditos Gradiant e CITIC.
A presente convocatoria do Conecta PEME abrangue 20 medidas de simplificación e flexibilización administrativa, “atendendo á demanda das propias empresas de reducir os esforzos destinados aos procesos burocráticos”, informa GAIN. Desde o punto de vista estratéxico, as principais novidades desta terceira edición do programa son o aliñamento coas prioridades temáticas establecidas na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e o apoio por primeira vez a proxectos de innovación en organización e mellora de procesos. Isto último responde ao aliñamento coa Axenda de Competitividade Galicia-Industria 4.0.
Nesta edición incorpórase tamén a posibilidade de incluír no consorcio a unha gran empresa, sempre que non supere a execución do 25% do total do orzamento, e unha consideración especial para os proxectos que impliquen a contratación de centros tecnolóxicos e de investigación galegos. Os proxectos terán que contar cun orzamento de entre 500.000 euros e 1,5 millóns e as axudas públicas poderán cubrir ata o 80% do total.
A terceira edición de Conecta PEME amplía prazo ata o 9 de febreiro
Compartir Este Artigo
