Durante o presente ano non pararán de chegar ao mercado novos smartwatches e outros wearables, e como corazón de moitos destes produtos veremos os novos procesadores de Qualcomm deseñados expresamente para dispositivos deste tipo, buscando contar con alta conectividade e baixo consumo, sempre nun tamaño compacto, de aí que a poucos días do Mobile World Congress anuncien os novos procesadores Snapdragon Wear 2100.
Estes novos procesadores estarán dispoñibles en dúas versións (unha orientada a enlazar co móbil a través de Wi-Fi e Bluetooth, e outra con conectividade móbil) de xeito que cada vez será menos raro ver como alguén escoita música, responde chamadas de voz ou emprega aplicacións de mensaxería instantánea dende o seu reloxo.
O Snapdragon 2100 é un 30% máis cativo que a anterior xeración de procesadores, facilitando así a fabricación de produtos máis cativos, pero tamén reducen un 25% o consumo, axudando a reducir outra das grandes carencias deste tipo de trebellos (a autonomía). Deste xeito os fabricantes poderán innovar máis á hora de deseñar os seus wearables.
En especificacións puras e duras temos que os Snapdragon 2100 integran unha CPU Quad ARM Cortex A7 a ata 1,2 GHz, gráfica Adreno 304, memoria LPDDR3 a 400 MHz, Bluetooth 4.1, soporte de NFC, USB 2.0, Wi-Fi N, carga rápida e soporte de pantallas de ata 640 x 640 píxeles a 60 fotogramas por segundo. Uns bos alicerces para os novos produtos electrónicos para levar sempre connosco conectados.
Qualcomm presenta o seu procesador para a nova xeración de wearables
Compartir Este Artigo
