A empresa compostelá Linknovate, gañadora da primeira convocatoria da aceleradora de proxectos TIC Fiware Finodex, vai expor o seu caso de éxito nun evento referencial a nivel europeo dentro do ámbito das novas tecnoloxías sen cancelas (Open Data). Falamos da xira Fiware Roadshow Open Data for European Entrepreneurs, que vai celebrar o vindeiro 2 de marzo unha das súas escalas en Iruña (Pamplona) xuntando arredor de 150 especialistas en coñecemento aberto procedentes de toda Europa. A iniciativa vén da man da aceleradora de proxectos tecnolóxicos Fiware Finodex, financiada pola Comisión Europea e liderada pola firma Zabala. A empresa, precisamente, será a encargada de organizar a devandita etapa en Iruña da xira europea Fiware, dirixida sobre todo a emprendedores e empresas do sector TIC.
Como dixemos, nesta recalada estatal do itinerario europeo participará arreo Linknovate, situada en Santiago de Compostela. A empresa desenvolveu Linknovate Innovation Search Engine, unha tecnoloxía de intelixencia competitiva, baseada nun motor de procura que axuda aos equipos de fabricación e de I+D nas empresas a atopar tecnoloxías e socios. Linknovate foi ademais a primeira finalista de Fiware Finodex, competindo con outros 196 proxectos, e polo que recibiu un financiamento de 170.000 euros.
Volvendo á xira, sinalar que baixo o epígrafe Open Data for European Entrepreneurs, o evento servirá para dar a coñecer o ecosistema Fiware perante unhas 150 persoas interesadas na innovación, o emprendemento, os datos abertos e as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Será de balde e en inglés. Á cita acudirán emprendedores de toda Europa para expor e debater sobre os últimos casos de éxito de proxectos que utilizaron tecnoloxías Fiware así como a relación que os datos abertos teñen co mundo do emprendemento a nivel europeo.
Segundo nos contan dende Zabala, está previsto que na apertura da xornada participe Ragnar Bergstrom, xefe de Sector en DG Connect da Comisión Europea. Así mesmo, o coordinador do proxecto Finodex, Miguel García, presentará ao público a evolución da que sería, nas súas palabras, “a primeira aceleradora mundial en apoiar proxectos empresariais utilizando datos abertos e que contou con 500 solicitudes para entrar na súa proceso de aceleración”.
Un dos relatorios principais virá da man Alberto Abella, que se centrará en datos abertos e novos negocios. É director asociado de Brain Trust CS, e responsable para esta organización de desenvolver as liñas de Citizen Experience e de Goberno Aberto e Open Data. No terreo académico, é profesor asociado na Universidade Rei Xoan Carlos, e realiza o seu doutoramento sobre o impacto económico dos datos abertos e o goberno aberto, especialmente no ámbito das Cidades Intelixentes.

Doutra banda, algúns dos representantes das outras 16 aceleradoras Fiware financiadas pola Comisión Europea presentarán a evolución dos programas de aceleración e os plans de futuro. Para iso contarase con Ingrid Willems (Creatifi) Francisco Buján (Fabulous) e Rasmus Pedersen (Finodex), entre outros, nun panel de debate moderado por Fernando Rico de CDTI. Francisco Marín, director xeral do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), participará na xornada cunha conferencia dedicada á innovación desde o sector público. Tamén, Juanjo Hierro, de Telefónica, falará das recentes novidades ao redor de Fiware e do futuro da iniciativa. A xornada pecharase coa presentación da International Open Data Conference, que este ano celebrarase en Madrid no mes de outubro. Segundo engade Zabala, esta conferencia é segunda dúbida “o evento máis importante a nivel mundial sobre a materia”.
Lembrar que Finodex é unha das 16 aceleradoras financiadas pola Comisión Europea para apoiar aqueles proxectos de PEME e emprendedores baseados en datos abertos e en tecnoloxías Fiware, co obxectivo de xerar novos produtos e servizos TIC. Finodex está integrada nun consorcio formado por outros 6 socios europeos. A través de dúas convocatorias, Finodex escolleu xa máis dun centenar de propostas innovadoras (cada unha delas obtén entre 10.000 e 170.000 euros de financiamento). Para iso, co apoio consorcio, superan diferentes fases nas que presentan a súa idea de negocio a futuros investidores. En total, vanse investir 4,64 millóns de euros en apoiar os proxectos seleccionados.
A santiaguesa Linknovate amosa éxitos na xira europea de emprendedores de Fiware
Compartir Este Artigo
