O Monopoly de Hasbro é un xogo con moita vida e numerosos formatos, pero a nova edición que están a preparar, a Ultimate Banking está a captar moita atención por prescindir dos cartos en efectivo. Temos así como un clásico dos xogos de mesa adáptase aos tempos modernos substituíndo os billetes por tarxetas bancarias, para o que inclúe unha especie de TPV que, fronte a anteriores versións que incluían un teclado numérico para introducir as cantidades, incorpora un lector tanto de tarxetas bancarias como das tarxetas do xogo, de xeito que ao caer nunha casa ou hotel hai que pasar polo dispositivo a tarxeta bancaria e a da propiedade, para descontar da conta bancaria o aluguer correspondente.
Temos así un claro exemplo de como xogos tradicionais poden adaptarse aos hábitos actuais. Este xogo de taboleiro chegará ás tendas norteamericanas a finais do verán a un prezo duns 24,99 dólares (ao que se vende actualmente o modelo con teclado numérico). Cómpre lembrar que o clásico xogo de mesa tamén conta con numerosas versións para as principais plataformas de videoxogos (sen esquecer dispositivos móbiles).
