Santiago estará en outono do ano vindeiro no epicentro das capitais emprendedoras do mundo. O motivo? A celebración de Spin2016, un evento dirixido a fomentar o espírito innovador dos nosos universitarios e que xuntará na Cidade da Cultura un centenar de relatores de 20 países e uns 2.000 asistentes (estudantes, futuros empresarios, investidores, asesores, reitores, expertos en innovación e novas tecnoloxías, etc). A nova edición (a terceira) de Spin vén da man (como nas anteriores convocatorias) de RedEmprendia, o tecido interuniversitario e transatlántico de palestras para o emprendemento que dirixe o galego Senén Barro. O propio ex reitor da USC estivo hoxe na Cidade da Cultura de Compostela, acompañado polos responsables das principais entidades co-impulsoras do evento, para falar das datas de Spin (29 e 30 de setembro, 1 de outubro), dos seus obxectivos e das oportunidades que vai achegar á nosa mocidade (será en boa medida unha factoría de ideas convertidas en proxectos).
Segundo lembrou Barro, Spin2016 será un evento de fonda implicación xeográfica. De feito, dixo, reunirá o talento innovador e emprendedor de América Latina, España e Portugal, “nun evento que só en tres edicións foi quen de consolidarse como a plataforma para impulsar empresas de alto impacto baseadas no coñecemento e máis na I+D”. Será, dixo, a iniciativa de emprendemento e innovación máis importante da contorna iberoamericana, “unha cita ateigada de creatividade e cultura dixital” na que participarán dúas ducias de universidades de oito países. Tamén lembrou que a capital galega toma “desta maneira” a testemuña de Cidade de México (Spin2014) e Madrid (Spin2012) como anfitrioa de Spin2016, unha edición que conta co apoio da Xunta de Galicia (Consellerías Economía e Cultura e Educación), as tres universidades galegas (a Universidade de Santiago, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo), a Universidade de Porto (Portugal), a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o Banco Santander, a través de Santander Universidades.
A presentación de Spin2016 desenvolveuse na mañá deste 16 de febreiro nunha rolda de prensa celebrada na Cidade da Cultura. O acto contou coa presenza dos conselleiros de Cultura e de Economía, Román Rodríguez e Francisco Conde, respectivamente; os reitores das Universidades de Santiago, Vigo e A Coruña, Juan Viaño Rey, Salustiano Mato e Julio Abalde; o director de Santander Universidades España, Pedro Alonso Gil; o presidente de RedEmprendia, Senén Barro; e pró-reitor para Inovação e Empreendedorismo da Universidade do Porto, Carlos Brito.
Segundo engadiu Senén Barro, un dos grandes obxectivos do evento é acadar que os centos de estudantes que se xunten en Compostela teñan “unha experiencia única”. Para asegurar a consecución deste reto, Spin2016 abrirá xanelas de apoio aos universitarios (co fin de axudar a que as súas ideas deveñan en proxectos) e amosará as experiencias doutros emprendedores que xa percorreron camiños semellantes e lograron con éxito afianzarse no mercado. A idea é crear, polo tanto, un gran “marketplace” de ideas, talento e recursos, con charlas, relatorios, conferencias, obradoiros e seminarios, contándose coa participación de empresarios de referencial internacional e expertos no mundo dos negocios, a docencia, a ciencia, a gastronomía e, por suposto, as novas tecnoloxías da información. Segundo explicou Barro, farase especial fincapé na xeración de contactos, a través da fórmula do networking e do partnering entre participantes. Asemade, engadiu, levarese ás rúas de Compostela o espírito emprendedor e de intercambio de recursos e coñecemento.
Nun plano aínda máis concreto, RedEmprendia ten pensado lanzar no marco de Spin unha nova edición de Model2Market, un programa destinado a “fortalecer modelos de negocio xurdidos na Universidade que salienten polo seu elevado grao de innovación e potencial de impacto social e económico”. Segundo se fixo saber na presentación, a iniciativa foi quen de impulsar empresas punteiras como por exemplo a firma lusa AddVolt, que desenvolve sistemas de xeración, recollida e almacenamento de enerxía para optimizar o consumo enerxético nos camións refrixerados. Ao abeiro de Spin tamén se vai desenvolver StartMoney4Stars, que é un foro de investimento e oportunidades para acelerar empresas xurdidas das universidades (spin-offs) e firmas novas no mercado (start-ups) baseadas no coñecemento e as novas tecnoloxías.
Na presentación de Spin2016 tamén participou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, que lembrou que no evento vanse distribuír premios por valor de 100.000 euros e que grazas a el, a Cidade da Cultura e o seu Centro de Emprendemento situaranse como “un referente no mapa internacional do emprendemento, cun total de 150 proxectos empresariais innovadores e startups recibindo apoio directo”. Román Rodríguez destacou que Spin 2016 é un “proxecto de goberno”, como reflicte a presenza de dúas consellerías, e celebrou a implicación das tres universidades galegas e da “universidade irmán” de Porto. Ademais, salientou a experiencia e capacidade da RedEmprendia, responsable das dúas edicións anteriores de Spin, en México e Madrid, e o apoio dunha entidade financeira líder, o Banco Santander. “Os universitarios formados nos campus deben ser a base do modelo produtivo do futuro”, dixo, ao que engadiu que “sabemos que este futuro pasa pola competitividade e, polo tanto, pola innovación”.
Spin2016 xuntará en Santiago máis de dous milleiros de emprendedores e estudantes partillando innovación
Compartir Este Artigo
