Se as cidades xa son un balbordo de por si, teñen que selo tamén os establecementos gastronómicos onde buscamos acubillo? Segundo moitos seareiros da cociña a resposta é definitivamente “non”: os restaurantes deben ser exactamente o contrario, lugares onde gozar da mellor comida coma se nun templo budista nos atopásemos. Cara garantir este acougo nos locais vén de xurdir a plataforma web Comer sen ruído, un espazo en liña que quere “axudar aos empresarios de hostalaría e restauración a conseguir que os seus locais sexan acusticamente agradables”. E máis tendo en conta o reto ao que se enfrontan: a Organización Mundial da Saúde sinala que España é o país europeo máis ruidoso e o segundo do mundo máis “acusticamente complicado”, por detrás de Xapón.
A iniciativa vén da man da Asociación CLAVE, atención á deficiencia auditiva, tras comprobar, sinalan, “que en moitos establecementos é difícil lograr un ambiente agradable debido ao exceso de ruído que producen as máquinas, os empregados no desempeño do seu traballo e mesmo os propios clientes”. Na web da plataforma, desta maneira, achéganse todos os consellos e técnicas para eliminar este problema e lograr “un espazo que multiplique o benestar dos clientes”. Ademais destes consellos prácticos, a guía dixital inclúe locais “acusticamente amables” de toda a xeografía estatal, detallados en formato textual ou xeolocalizados no mapa para situármolos da maneira máis axeitado.
Segundo explican os impulsores da plataforma, calquera local que cumpra estes requisitos sonoros pode rexistrarse e formar parte da guía de establecementos nos que “comer sen ruído”. Hai que cumprir polo menos tres destes criterios para poder figurar no microsite: illamento do ruído de cálea, acondicionamento acústico do local, medidas contra o ruído da electrodomésticos, separación entre mesas, responsabilidade do persoal e uso non simultáneo de aparellos audiovisuais.
Entre os establecementos que apoian a iniciativa figuran, entre outros, a Casa Solla (Poio, Pontevedra), o restaurante Alabaster (Madrid), o restaurante Martín Berasategui (Lasarte-Oria), DSTAgE (Madrid), Lles COLS (Girona), Restaurante Goya (Madrid), Restaurante Sant Pau (Sant Pol de Mar, Barcelona) ou Akelarre (Donostia).
A plataforma web Comer sen ruído axúdanos a atopar os locais máis “zen”
Compartir Este Artigo
