A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia publicou hoxe os datos relativos ao sector das telecomunicacións do mes de febreiro, dos que podemos extraer información moi interesante, como o feito de que as liñas de fibra óptica ata o fogar (FTTH) continúan a medrar con grande forza ata chegar aos 3,4 millóns, pero co detalle de que os operadores distintos de Movistar supera por primeira vez o millón de liñas, de xeito que terían o 30,7% do mercado, o que indica unha mellora da competencia que espérase que repercuta en beneficio dos usuarios.
Destaca o feito de que Movistar perdeu preto de dúas mil liñas de banda larga, mentres que Orange captaría 14.802 liñas e Vodafone lideraría as ganancias con 21.368 liñas. Pese ao pulo de Vodafone, o operador mantén o seu terceiro posto en cota de mercado (co 22,66%) mentres que Orange mantén a segunda posición (co 28,61%) e Movistar mantén un firme dominio (co 43,76), aínda que moi lonxe dos anos nos que era o operador empregado pola maioría absoluta dos españois.
No que respecta ao mercado móbil, experimentouse un descenso en febreiro de 60.742 liñas, de xeito que o crecemento dos contratos (84.525) non compensou a caída do prepagamento (145.267), de xeito que febreiro rematou con 50.637.147 liñas móbiles, o que continúa a superar ao número de habitantes do Estado. A compañía que máis caeu no móbil é, como vén a ser habitual, Movistar, pero desta volta pode sorprender ver como os resultados de Yoigo continúan a ser moi inestables, e desta volta perde 30.882 liñas móbiles, cando o mes pasado gañara 7.159 liñas, dando a impresión de que as promocións puntuais teñen un claro resultado nos seus resultados, mentres que Vodafone e Orange medran mes tras mes.
Os operadores alternativos a Movistar superan o millón de liñas de fibra óptica
Compartir Este Artigo
