Os clientes de Orange que teñan un smartphone Samsung Galaxy S6, S6 edge, S7 ou S7 edge poderán gozar xa do servizo de chamadas Wi-Fi que ofrece o operador, e que funciona nos iPhone (a partires do 5c) dende o mes de marzo. A estrea deste servizo en dispositivos con Android supón unha grande vantaxe para os usuarios, xa que a posibilidade de recibir e realizar chamadas a través de Wi-Fi permite o uso da rede de telefonía móbil alí onde non chega a súa cobertura, como en sotos ou interiores de grandes edificios, onde as redes Wi-Fi si chegan sen problema.
Para poder gozar do servizo chega con activar o servizo de chamadas Wi-Fi no menú de axustes do teléfono, e a partires dese momento as chamadas realizaranse de xeito automático a través da conexión sen fíos con independencia do operador que achegue tal conexión. Ao ser un servizo do operador, o interlocutor non precisará da instalación de ningunha aplicación para a recepción de chamadas a través desta tecnoloxía que resultará transparente ao usuario.
A posibilidade de chamar por teléfono a través de Wi-Fi resulta moi interesante para usuarios con mala cobertura móbil no seu fogar ou no seu lugar de traballo, e aínda que actualmente limita o seu funcionamento a redes Wi-Fi españolas, no futuro preténdese que tamén poida empregarse en redes sen fíos no estranxeiro, de xeito que podería empregarse o móbil en itinerancia sen ningún tipo de custo adicional sempre que nos conectemos a través de Wi-Fi.
Orange estrea o servizo de chamadas a través de Wi-Fi en móbiles Android
Compartir Este Artigo
