Vitae Consultores vén de anunciar que para este mes de novembro prepara unha intensa actividade formativa a través da cal achegará contidos avanzados a máis de 2.000 profesionais galegos das novas tecnoloxías. Concretamente, fornecerá formación avanzada a máis de 2.000 profesionais galegos formados en dirección e xestión de proxectos. Entre os temas incluídos neste “novembro formativo” de Vitae atópanse modelos de predición (PMI e Prince), modelos áxiles e con capacidade de adaptación (como Scrum, Scrumban e Lean), operacións TIC con ITIL en varios niveis ou metodoloxías para tirarlle o máximo partido ao Big Data.
Máis en detalle, a primeira e a segunda fin de semana de novembro Vitae celebra na Coruña a 14 edición do Curso en aberto de certificación en dirección e xestión de proxectos TI áxiles con Scrum, Scrumban e Lean Software (PDF), unha actividade formativa dirixida a dotar aos asistentes cos coñecementos e as ferramentas precisas para aplicar modelos de traballo baseados na eficacia e na eficiencia e poder, desta maneira, adaptarse ás necesidades do proxecto e do cliente na súa contorna de traballo. Este curso achéganos a posibilidade de certificarnos en Scrum Manager nivel experto.
Outro dos seminarios é a terceira edición do Curso en Aberto Big Data, Ferramentas Tecnolóxicas e Aplicacións para Negocio (PDF). Esta actividade formativa celébrase na Coruña, tamén a primeira e a segunda fin de semana de novembro, e ten o obxectivo de proporcionar unha visión da información masiva tanto dende o punto de vista de negocio como de tecnoloxía. Ao rematar o curso, sinala Vitae, “os asistentes comprenderán en que consiste o Big Data e, tamén, e que non consiste o Big Data, para que serve e que cousas se poden facer con esta información”.
Outra das actividades máis inmediatas de Vitae é a segunda edición do Curso en Aberto de Xestión Multiproxecto, onde as metodoloxías de predición e áxiles non chegan. Desenvolverase en Vigo, na primeira e na segunda fin de semana de novembro, e o seu obxectivo é dotar aos nosos profesionais de recursos que lles permitan a máxima eficiencia nunha realidade que se impón: o feito de que cada vez sexa máis frecuente que os responsables de operacións e de proxectos teñan que atender de maneira simultánea á xestión de varias liñas de traballo en desenvolvemento.
A propósito destas e outras actividades formativas avanzadas, Vitae sinala que a importancia dunha boa xestión de recursos nos proxectos tecnolóxicos levou a unha mellora na calidade dos servizos e os produtos das nosas empresas do sector das novas tecnoloxías, “sendo prioritario en todo proxecto o custe, os prazos e máis o seu alcance”.
Só nesta fin de semana na que xa estamos mergullados, Vitae achegará formación avanzada a 80 profesionais TI galegos en A Coruña, Santiago e Vigo.
Vitae formará este mes de novembro a máis de 2.000 profesionais galegos en tecnoloxías avanzadas
Compartir Este Artigo
