A firma galega Vitae Consultores vai desenvolver os días vindeiros unha actividade formativa directamente encamiñada a amosarnos sendas apenas transitadas en materia de dirección e coordinación de grupos de traballo no ámbito das novas tecnoloxías da información (e tamén noutros ámbitos). Dito doutra maneira: trátase de achegarnos fórmulas para atopar frutíferos rendementos novos nas nosas empresas e sen que isto faga diminuír a calidade de vida laboral, máis ben o contrario. O seminario Equipos que van a máis: O que nunca che contaron sobre Xestión de Equipos TI ou non TI (accesible na web de Vitae en formato PDF) é unha actividade de 20 horas de duración. O curso (primeira convocatoria) desenvolverase o vindeiro mes, os días 12, 13, 19 e 20 de decembro na Coruña (Hotel Attica 21).
En palabras de Vitae, será especialmente acaido para aqueles profesionais que se están a día de hoxe facendo as seguintes preguntas: Conseguín os resultados que agardaba? Vou continuar igual o ano que vén ou voume propoñer que se poidan facer as cousas doutra maneira? Co equipo e os medios que teño considero que podo conseguir máis? Podo mellor o rendemento e cumprir os obxectivos con menos esforzo? Propóñome implantar melloras, pero aínda non teño claro exactamente como facelo? Preciso un plan ben definido para acadar que apoien a iniciativa de mellora e non teño nin tempo para poñerme con iso? Segundo engade Vitae, “facendo balance dos esforzos e resultados é case inevitable que nos propoñamos se o que estamos a facer vai polo bo camiño, e se hai cousas que aínda se poden mellorar”.
O curso vai encamiñado, directamente e punto por punto, a responder a todas as devanditas preguntas en clave positiva. No seminario falarase, abondo, de cousas como tecnoloxías útiles (de probada eficacia), do que se pode facer para mellorar a rendibilidade dun grupo de traballo e os seus resultados, etc. “Neste obradoiro”, engade Vitae, “veremos que é posible lograr mellores resultados e que existen xeitos probados para isto, proporcionando un espazo de reflexión e análise para facermos o noso propio plan de acción e que estea preparado para carretármolo e poñelo en práctica.
A formadora encargada de impartir estes contidos será Elena Frade, consultora en recursos humanos, adestradora profesional, executiva e corporativa, amais de formadora en competencias de intelixencia emocional aplicadas á empresa. É creadora, tamén, do Programa de Desenvolvemento Directivo Líder Emocional.
Vitae amósanos como facer máis rendibles e motivados os nosos equipos TI
Compartir Este Artigo
