Nas últimas semanas os posuidores dun dispositivo Fire TV tiñan medo de perder unha das súas funcionalidades máis importantes, a posibilidade de reproducir vídeos de YouTube, xa que a aplicación YouTube.com estaba a amosar unha mensaxe anunciando que o 1 de xaneiro deixaría de funcionar, pero a solución chegou hoxe con grande sorpresa, pois en vez de xurdir unha aplicación oficial de YouTube desenvolvida por Google chegou un novo navegador web ao rescate: Firefox for Fire TV.
Esta nova aplicación funciona perfectamente nos dispositivos Fire TV, estando especialmente optimizada para o seu mando a distancia, facilitando así a exploración de páxinas web dende o televisor e, moi especialmente, páxinas de reprodución de vídeo como YouTube, servizo para o que hai un atallo na súa páxina principal. Temos así unha ferramenta ideal para acceder aos moitos espazos web baseados no vídeo que hai na Rede.
Cómpre salientar que o Fire TV Stick Basic Edition leva só mes e medio á venda en España, e xusto estes días ofértase a 29,99 euros aos clientes de Amazon Prime, polo que o feito de que agora vaia poder ter un mellor aproveitamento grazas a unha versión específica do Firefox é unha magnífica nova.
Aínda que Firefox for Fire TV sexa unha aplicación deseñada pensando nos usuarios norteamericanos, funciona sen problema a nivel global, e incluso está traducida ao español. O seu lanzamento non podería ser máis oportuno, porque chega xusto para evitar unha grande carencia e tras o éxito do lanzamento de Firefox Quantum, o que probablemente contribúa a mellorar a sona deste navegador web. Un grande agasallo de Nadal por parte de Mozilla para os usuarios dun Fire TV.
Firefox chega ao rescate dos Fire TV
Compartir Este Artigo

