Cómpre protexer o dereito á privacidade e á protección da información persoal das traballadoras e traballadores dunha empresa, sexa do sector que sexa? Son os seus computadores e dispositivos de traballo, a efectos prácticos, acubillos de datos privados e deben ser tratados como tales? Botar luz sobre estas cuestións e traballar a prol do respecto á información é un dos obxectivos das Xornadas Dereito á Intimidade e Protección de Datos no Ámbito Laboral que se celebran o 11 de abril na Facultade de Dereito do Campus de Ourense.
A cita, organizada por este centro en combinación co Consello Galego de Relacións Laborais e o Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, reunirá a profesionais dos eidos da xudicatura, a universidade e a inspección de traballo e a representantes das organizacións sindicais e empresariais máis sobranceiras en Galicia co obxectivo de analizar o estado actual da protección da información persoal dos equipos de traballo e os inminentes cambios normativos.
Segundo informa a organización das xornadas, no transcurso da sesión abordarase a confrontación entre o dereito das e dos traballadores á súa intimidade, por unha banda, e a norma que establece que o empresario ou empresaria poderá adoptar as medidas que estime máis oportunas de vixilancia para verificar o cumprimento das obrigas dos profesionais ao seu cargo, por outra banda.
Neste marco legal, engaden os responsables da sesión, “a cuestión do tratamento, límites e ámbito da intimidade na relación laboral recobrou actualidade nos últimos anos pola xeneralización dos medios dixitais”. Así, engaden, “os tribunais de todos os ámbitos están a ditar resolucións moitas veces encontradas e, ás máis das veces controvertidas, sobre unha cuestión que amosa unha enorme complexidade xa que están en xogo algúns dos dereitos fundamentais contidos na constitución”.
Os impulsores das xornadas tamén recordan (con vistas ao futuro inminente e as responsabilidades que pon en xogo) que o Regulamento Xeral de Protección de Datos entra en vigor o vindeiro 25 de maio e “vai transformar o panorama da protección de datos para as empresas”, que deberán ser “máis dilixentes no axeitado tratamento de datos persoais”. Por exemplo, na relación laboral deixará unha pegada relevante, xa que achega novidades en relación co reforzo do consentimento, un máis esixente deber de información, a obriga de notificar os fallos de seguridade ou un encarecemento das sancións polo incumprimento, que van depender do volume de facturación da empresa.
O dereito á protección de datos dos traballadores, a debate no Campus de Ourense
Compartir Este Artigo
