Este ano Amazon abriu unha tenda piloto en Seattle de só 167 metros cadrados para experimentar con tecnoloxía que facilitaba un novo xeito de facer a compra na que podía prescindirse das liñas de caixas para pagar, xa que as cámaras e os sensores repartidos polo establecemento de Amazon Go rexistraban a cesta da compra para cobrar logo os produtos levados ao saír da tenda, coma se fixésemos a compra en liña.
Esta tecnoloxía aínda ten moito que evolucionar, resultando tamén de grande interese a análise do comportamento dos clientes ante a falta de interacción con outras persoas e incluso a ausencia de caixas de pagamento automático, facendo que a fricción da compra se reduza extraordinariamente.
Por iso non sorprende que Amazon xa estea a preparar novas tendas sen caixas, segundo puido transcender dun par de ofertas de traballo para establecementos Amazon Go en Chicago e San Francisco.
Aseguran que é posible que ao longo do ano cheguen a pór en funcionamento un total de media ducia de tendas Amazon Go nos EE.UU., pero polo momento non hai informacións oficiais sobre o calendario de apertura destes establecementos que contribúen a explorar fórmulas para o futuro xeito de facer a compra.
Vídeo promocional das tendas Amazon Go
