Apple celebrou unha keynote o mes pasado para presentar os novos iPhone e o novo Apple Watch, resultando bastante evidente que este mesmo mes realizarán outro evento para dar a coñecer novos produtos que teñen que renovar antes de renovar o ano, como o iPad Pro, revisión de hardware da que desvelan en primicia novos detalles dende 9to5Mac.
Se atendemos aos nomes dos modelos que figuran na beta de iOS 12.1, teremos 2 modelos con Wi-Fi en 2 tamaños e tamén 2 modelos con LTE en 2 tamaños, o que entraría dentro do habitual, pero cando nos achegamos a outros detalles do dispositivo xa atopamos cambios máis importantes, como que a pantalla case carecería de marcos laterais, na liña do que acontece co iPhone, prescindindo do botón de inicio, pero mantendo o suficiente espazo no marco superior como para albergar as cámaras do dispositivo e os sensores para o recoñecemento facial (elemento que sería o que permitiría eliminar o botón inferior, xa que diríase adeus ao lector de pegadas dixitais).
Aínda que o iPad Pro contaría co mesmo sensor de Face ID que o iPhone XS, dende 9to5Mac aseguran que o iPad Pro sería capaz de recoñecer rostros co dispositivo colocado en vertical ou en horizontal (sempre que o sensor de Face ID non está na parte inferior, ou sexa, que non poderemos suxeitar a tableta do revés).
Outra novidade moi interesante sería que o novo iPad Pro contaría cun porto USB-C que serviría como saída de vídeo, de xeito que poderiamos ter unha imaxe 4K con HDR nunha pantalla externa, podendo axustarse na configuración da tableta a resolución, o HDR, o brillo e outras configuracións para pantallas externas.
Aseguran que o Apple Pencil tamén terá nova versión, contando agora con tecnoloxía de emparellamento por proximidade na liña de como se fai cos AirPods, de xeito que será posible empregar o lapis dixitalizador nun iPad con só aproximalo á súa pantalla (sen ter que conectalo ao porto de carga para enlazalo).
Como último detalle filtrado, teríamos que na parte traseira do iPad Pro habería un novo conector magnético para accesorios como un novo Smart Keyboard.
Todas estas novidades parecen encamiñadas a permitir que o iPad Pro sexa unha ferramenta cada vez mellor para a produtividade, e que en moitas ocasións poida substituír completamente ao uso dun ordenador portátil.
O novo iPad Pro podería ter Face ID e saída de vídeo por USB-C
Compartir Este Artigo
