Un dos elementos máis célebres de Snapchat, actualmente presentes en moitas outras aplicacións, son os seus filtros que poden aplicarse á imaxe que capta a cámara do móbil en tempo real, que veñen de dar un curioso salto aos escritorios informáticos, xa que agora temos dispoñible de balde a aplicación Snap Camera, que permite que dende o noso ordenador podamos elixir entre milleiros de Lentes (efectos entre os que figuran os clásicos de Snapchat).
A nova aplicación para ordenador pode sincronizarse coa cámara do noso equipo, para así aplicar os efectos en tempo real, pero o máis interesante desta funcionalidade é que é compatible cos servizos de vídeo máis populares do mercado, de xeito que podemos aplicar as Lentes mentres gravamos un vídeo para YouTube ou mentres facemos retransmisións en directo a través de Skype, Hangouts ou OBS. Dende Snap incluso destacan que desenvolveron unha integración de Snap Camera a medida para transmitir en Twitch, facendo así máis divertidos os directos nesta plataforma líder nos gameplays de videoxogos.
Vídeo de presentación de Snap Camera

