Ames vén de recibir un importante recoñecemento ao seu compromiso coa investigación, as tecnoloxías e os recursos ao servizo da ciencia e o coñecemento avanzado: a distinción de Cidade da Ciencia e a Innovación que concede o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (Secretaria de Estado de Universidades, Investigación, Desenvolvemento e Innovación). En concreto, a condecoración vén dada polo proxecto local Inno@mes, iniciativa candidata na convocatoria do certame que corresponde ao ano 2018.
Deste xeito, Ames pasa a ser o quinto concello de Galicia con este galardón. Amais, intégrase na comunidade estatal dos 72 municipios que conforma a Rede Impulso (cinco de toda Galicia: Vigo, A Coruña, Santiago, Ribeira e, agora, tamén Ames).
Polo que respecta ao proxecto Inno@mes, é unha iniciativa dirixida a fomentar no termo municipal o emprendemento innovador, convertendo Ames “nun polo de constante atracción da investigación, o desenvolvemento e a innovación en todos os seus eidos de funcionamento: cidadán como administración, económico como entidade promotora de espazos empresariais e industriais e tamén na súa definición como cidade sustentable que aposta polo coñecemento e a calidade de vida como proxecto de futuro”.
Segundo explica o Goberno local, a concesión da citada distinción vaise unir á inmediata posta en marcha do centro de traballo colaborativo (coworking) de Milladoiro, co que se fortalecerá aínda máis o espírito emprendedor, innovador e tecnolóxico do municipio.
Amais, engade o Consistorio, o recoñecemento permitirá a Ames acceder á condición de membro da Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación (Rede Impulso), “feito que sen dúbida favorecerá a actividade que xa vén desenvolvendo de maneira importante nos eidos da investigación e do desenvolvemento da innovación”. Ademais, “servirá para dar o chimpo en materia de investimentos, foros sectoriais, e eventos de referencia en innovación”.
Ames, recoñecida como Cidade da Ciencia e da Innovación
Compartir Este Artigo

