Unha xornada do Consello da Cultura Galega amosa este venres 26 na illa de San Simón como as novas tecnoloxías ofrecen novas lecturas da cultura medieval. Seíam’eu…en San Simón é o título xenérico dun programa que o CCG e o Concello de Redondela celebrará na illa cada ano. Segundo informan, a primeira mostra deste acordo terá lugar mañá no simposio titulado A cultura medieval á luz das novas tecnoloxías. Durante todo o día, recoñecidos expertos en arte, música, patrimonio e literatura medieval analizarán as posibilidades de difusión e de investigación que sobre esta época ofrece a tecnoloxía. A cita poderá seguirse en directo desde o web da institución.
O ciclo escolleu como sede San Simón por ser “un emblemático lugar de memoria construído como tal dende os albores da nosa cultura”. Centrarase en dúas liñas de traballo principais: a cultura medieval, evocada por Mendiño, o cantor da illa, e a memoria da emigración e do exilio, que deixou fonda pegada en San Simón e na súa contorna.
Consonte esta dupla vocación, nesta primeira xeira o simposio ten como obxectivo avaliar a contribución das chamadas “humanidades dixitais” ao mellor coñecemento e divulgación da cultura medieval, nas súas diferentes facetas, da música á literatura, pasando polo patrimonio. Especialistas destas materias reúnense en San Simón para poñer en común as súas experiencias no uso desas ferramentas que abren, en palabras do CCG, “posibilidades extraordinarias”, non só “para os avances científicos senón para a democratización do coñecemento e o gozo dos nosos bens culturais”. Na cita afondarase nos desafíos que supón divulgar hoxe a música medieval, ou editar os cancioneiros, pero tamén achegarase unha nova ollada sobre algúns tesouros do noso patrimonio material, das igrexas altomedievais ao recentemente restaurado Pórtico da Gloria.
San Simón acolle un simposio do CCG sobre cultura medieval e TIC
Compartir Este Artigo

