Este 25 de abril celebrouse en Vigo unha xuntanza profesional sobre emprendemento e innovación: o evento ADN PYMES, un encontro de balde organizado por La Neurona, no marco dunha xira estatal de 20 encontros ao servizo das pequenas e medianas empresas, os profesionais e os autónomos. A cita galega, desenvolvida no Palacio de Congresos Mar de Vigo, mostrou as claves para mellorar a toma de decisións e xestionar da maneira máis eficiente. Participaron (mergullándose en finanzas e tecnoloxías, dixitalización, recursos humanos e xestión de clientes) uns cens asistentes.
Para contextualizar a situación actual das pequenas e medianas empresas, Miguel Ángel Robles, director executivo de La Neurona, inaugurou a xornada falando sobre os retos estruturais: “Os cambios son permanentes e temos que afacernos a eles, debemos ter a mente aberta e reaccionar”, explicou, centrándose en analizar o modelo de negocio e as “doenzas silenciosas que sofren as pequenas empresas na contorna actual”.
A transformación dixital foi unha das protagonistas da xornada, por exemplo no relatorio de Natalia Zalvide, directora de Riscos do Grupo INTASA, quen tratou este tema desde o punto de vista do rendemento. Zalvide falou do desexo do cliente por participar na creación do produto. “Non nos conformamos con mercar, queremos crear”, afirmou.
Pola súa banda, Juan Miguel Herrero, socio director de La Neurona, explicou como optimizar o proceso de venda: “Cunha boa medición das nosas accións comerciais, coñeceremos o valor fundamental para corrixir as malas accións e potenciar as boas”. No ámbito do comportamento do cliente, Inma Chacón, responsable de Eventos en Correos Express, mostrou as posibilidades do visual e voice commerce, as dúas novas tendencias para potenciar as vendas en PEME e grandes empresas.
A xuntanza tamén contou cunha zona de networking, onde tiveron parte activa entidades como a asociación galega de empresas de novas tecnoloxías Ineo, AJE Vigo ou a Agrupación Cloud Network.
Até cen persoas participaron no evento sobre PEME e transformación de La Neurona
Compartir Este Artigo

