O ránking Webometrics, elaborado polo Cybermetrics Lab do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), vén de actualizar o seu pormenorizado estudo dos sitios online dos centros de educación superior estatais. A investigación guinda bos resultados para as institucións da nosa terra. Por exemplo a Universidade de Santiago, cuxa web, recentemente remodelada integralmente, sitúase na clasificación no posto 14 do contexto español (262 entidades) e, tamén, como a de meirande impacto do Sistema Universitario Galego (SUG). Pola súa parte, a UDC figura no posto 35, e a UVigo no 56.
A dita clasificación vénse publicando polo CSIC dende 2004, cada seis meses. O obxectivo é “apoiar as iniciativas open access, así como promover o acceso electrónico ás publicacións científicas e a todos aqueles materiais de tipo académico”. Na actualidade o ranking inclúe máis de 11000 universidades do ámbito internacional. Como fontes de información primordiais, bótase man dos buscadores Google, Google Académico, Yahoo, Yahoo Site Explorer, Yahoo Search, Bing e Scimago IR.
Segundo informa a USC, esta listaxe mide con carácter semestral o rendemento e a visibilidade global das universidades e outros centros de educación superior baseándose na súa presenza, visibilidade, impacto e transferencia de coñecemento. Neste senso, a presenza mide o volume de información publicada na web; o impacto constrúese a partir da transferencia de coñecemento; a apertura, contando o número de documentos que se ofrecen en aberto; e a excelencia que inclúe os artigos de calidade situados entre o 10% máis citados de cada especialidade.
A web da USC, 14 do ámbito estatal na clasificación Webometrics do CSIC
Compartir Este Artigo

