A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reuniuse onte coa Asociación de Empresarios Novos da provincia da Coruña (AJE) para presentar os detalles da gala da novena edición do Premio Iniciativa Empresarial de Galicia 2020 e, tamén, para avanzar máis información sobre o gran proxecto tecnolóxico local deste ano que vén de comezar: a creación da Cidade das TIC na antiga Fábrica de Armas.
Respecto da gala, celebrarase o 4 de marzo no Teatro Rosalía e distinguirá a mellor empresaria ou empresario da nosa terra e, tamén, a iniciativa emprendedora máis destacable. Rey salientou do certame a súa arela de “estimular o desenvolvemento da cultura empresarial, potenciar a creación de actitudes positivas para a iniciativa emprendedora e recoñecer o traballo das empresas e das e dos emprendedores coruñeses que destacaron nos diferentes ámbitos de actuación”.
Respecto da Cidade das TIC, Rey mostrou a súa confianza en contar coas pequenas e medianas empresas do concello e co novo empresariado representado pola AJE para pechar fileiras arredor do proxecto previsto para a Fábrica de Armas, “un polo de atracción tecnolóxica que dará acubillo a toda a nosa Industria 4.0”.
Pola súa banda, o presidente de AJE da provincia da Coruña, Miguel Miragalla, sinalou que este ano serán os anfitrións, despois de que a gala rotase por todas as AJE locais de Galicia e falou do Teatro Rosalía como “un marco incomparable para recibir os axentes económicos e empresariais de Galicia”, onde se distinguirá co Premio Xove a mellor empresaria ou empresario e a iniciativa emprendedora de menos de dous anos máis destacable xunto con catro accésits á responsabilidade social empresarial, internacionalización, creación de emprego e innovación.
Concello e AJE presentan a gala dos premios empresariais galegos e pechan fileiras arredor da Cidade das TIC
Compartir Este Artigo

