O innovador madrileño Guillermo Martínez foi recoñecido hoxe na Coruña, no Centro Ágora, co Premio FPdGi Social 2020 (Premio Fundación Princesa de Girona Social 2020). O mozo, que deseña e envía próteses impresas en 3D a persoas sen recursos de calquera parte do mundo a través do seu proxecto Ayúdame3D, foi distinguido “por ter unha traxectoria inspiradora e achegar a revolucionaria tecnoloxía 3D a persoas vulnerables”. O galardón foi dado a coñecer pola súa maxestade a raíña Letizia. O acto contou coa presenza de medio milleiro de persoas.
Na cita tamén participou o vicepresidente segundo do Goberno e o ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Pablo Iglesias; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e o presidente da FPdGi, Francisco Belil, entre outros conselleiros, concelleiros e autoridades.
Antes do acto de proclamación do premiado, preto de 250 mozas e mozos da nosa terra participaron nun obradoiro de innovación creativa liderado polo emprendedor en serie Xavier Verdaguer, que ao longo de tres horas axudoulles a xerar ideas e propostas para previr a soidade das persoas maiores.

A cita deste venres na Coruña, organizada pola FPdGi coa colaboración do Concello e a Xunta, contou tamén coa presenza do xornalista e humorista Juan Carlos Ortega, e de premiados pola dita entidade en anos anteriores. O presidente da Fundación, Francisco Belil, no seu discurso de clausura, destacou que “hoxe recoñecemos o labor de Guillermo Martínez, que traballa de xeito decidido na mellora da sociedade na que vivimos, con empeño, xenerosidade e humildade”. Segundo engadiu, os devanditos “son os valores da Fundación Princesa de Girona”. Pola súa banda, a directora xeral da FPdGi, Mònica Margarit, repasou os programas e proxectos da FPdGi, que esta semana abriu “unha nova convocatoria para contribuír ao desenvolvemento profesional de futuros docentes de primaria e infantil baseado en facer prácticas en escolas rurais de referencia”.
Actividade para a xente nova
Antes do acto de proclamación, o Centro Ágora acolleu, de 9 a 12 horas, o Reto de innovación disruptiva que, un ano máis, lideraron Xavier Verdaguer e o seu equipo do Imaxine Creativity Center. Preto de 250 estudantes galegos, procedentes de máis de dez centros educativos e de entre 16 a 24 anos, participaron nesta actividade creativa e emprendedora que lles propuña expor ideas para previr a soidade das persoas maiores. As persoas participantes, organizadas por equipos, competiron durante 180 minutos propondo fórmulas, empresas, campañas de sensibilización, etc. A idea gañadora foi Picassus elaborada polo alumnado de Primeiro de Bacharelato do IES Eusebio da Guarda (A Coruña), que propuxo pór en marcha un seguro de asistencia personalizada para garantir que os seus usuarios, cando sexan maiores, teñan acceso a todo tipo de actividades e servizos.

