A operadora galega R converteuse este luns, oficialmente, en patrocinadora oficial do Ano Santo Xacobeo 2021. Este novo cometido cultural, turístico e económico da compañía formalizouse nas propias oficinas da empresa en Coruña, nun acto que contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o director corporativo Empresas de R e do Grupo Euskaltel, Isidro Fernández de la Calle, quen fixeron saber que o acordo establece que o operador galego patrocinará, dende agora e ata setembro de 2022, diversas actividades incluídas na programación “deste evento de proxección internacional”, sinalaron.
Neste sentido, Román Rodríguez salientou “a importancia de potenciar a colaboración público privada á hora de impulsar un evento desta magnitude, que debe exercer como un dos piares da reactivación de toda a economía galega, especialmente tras o impacto ocasionado a causa da crise da COVID-19”.
Pola súa banda, Isidro Fernández de la Calle subliñou que “con este patrocinio, en R ratificamos o noso compromiso permanente con Galicia e coa Administración autonómica para desenvolver accións que poñan en valor o acervo cultural e social de nosa terra”.
Iniciativas concretas
O convenio de patrocinio de R para o Xacobeo 2021 supón, entre outras cuestións, o uso de espazos do operador galego para facilitar ao público información útil en relación co Ano Santo compostelán. Ao abeir das campañas publicitarias de R comunicaranse accións relacionadas co Camiño de Santiago e o Xacobeo, nas que se fará constar a condición de R como “patrocinadora” deste gran evento considerado “acontecemento de excepcional interese público”.
Ademais, R comprometeuse a reforzar a presenza do evento xubilar compostelán en soportes como prensa e revistas, boletíns para os seus clientes e publicidade exterior. En todos estes casos, R poderá facer uso dos logotipos, emblemas e marcas do Xacobeo 2021. En paralelo e reciprocamente, o logo de R estará presente, como patrocinador oficial, en todas as accións e eventos do Xacobeo.

