A tecnoloxía de rastrexo de contactos a través de Bluetooth para loitar contra a COVID-19 que Google e Apple levan probando dende abril, está a aplicarse moito menos do desexado, con moitos estados negándose a empregar esta solución precisamente pola súa principal vantaxe: o coidado da privacidade dos usuarios.
No caso español estamos aínda en plena implantación da ferramenta a través da aplicación Radar COVID, pero como o importante para que esta tecnoloxía sexa efectiva é que o seu uso sexa masivo, dende Apple están a sorprender coa versión 13.7 de iOS, que contaría coa posibilidade de activar o sistema de notificacións de rastrexo de contactos contra a COVID-19 sen ter que descargar unha aplicación específica dependente do sistema de saúde do noso territorio, de xeito que cidadáns de países que non teñan aplicacións como Radar COVID poderán activar a funcionalidade integrada nos móbiles de Apple, no que aseguran que se trata dunha segunda fase desta tecnoloxía, que seguirá precisando dunha autoridade de saúde pública para a confirmación de positivos de COVID.
Esta medida parece querer corrixir unha situación provocada pola extrema lentitude dos gobernos de todo o mundo en tirar proveito desta tecnoloxía pois, aínda que era posible implantala antes do verán, na meirande parte de territorios non optaron pola tecnoloxía de Apple e Google ou aínda están con desenvolvementos en probas, polo que non estamos a tirar proveito dunha solución que podería ter xogado un papel crucial na localización de gromos durante o verán.
O rastrexo de contactos en iOS poderase activar sen instalar unha aplicación específica
Compartir Este Artigo

