Santiago de Compostela recibiu este primeiro de outubro o galardón do segundo Premio Aire Limpo, organizado pola Plataforma X Aire Limpo, que a acredita como a cidade menor de cen mil habitantes máis comprometida coa calidade do aire. O fallo do xurado (formado por investigadores de prestixio e asociacións profesionais da calidade do aire) coñeceuse en xuño deste ano, pero a entrega do galardón realizouse este xoves 1 de outubro. Recolleuno o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. O recoñecemento, que veu acompañado dun exemplar da árbore Davinia Involucrata (plantada polo propio rexedor), distinguiu o empuxe innovador de Santiago en materia sustentable. Desta liña abrollou o proxecto TRAFAIR, impulsado polo CESGA, o CiTIUS da USC e o Concello co obxectivo de controlar e optimizar a calidade do ar das cidades a través de tecnoloxías avanzadas.

Rafael Rodríguez, técnico de innovación do Concello de Santiago, debullou o proxecto TRAFAIR, que conta, dixo, cunha rede de sensores da calidade do aire, que proporcionan e proporcionarán no futuro os datos que se precisan para facer as predicións. José Ángel Taboada, investigador da USC no proxecto, indicou que permite “unha transferencia directa dos nosos coñecementos á experiencia á cidadanía” e que se trata dunha iniciativa “con moitos obxectivos”, que requiriu do traballo de moitos equipos multidisciplinares. Entre os resultados salientou a adquisición de datos ambientais a través de sensores de baixo custe, que reduce ata nun 90% a contía das infraestruturas necesarias para as capturas de datos e permite coñecer “a distribución dos contaminantes” pola cidade.
Patricia Argerey, presidenta do CESGA, igual que fixera José Ángel Taboada, agradeceu o premio, e recordou que son nove os socios europeos que participan no proxecto TRAFAIR. Destacou tamén o labor do CESGA, e as predicións que realiza “a 48 horas” sobre a calidade do aire. Lembrou que existen dúas aplicacións que se poden consultar para coñecer a calidade do aire en tempo real en distintas cidades.
Santiago recolle o galardón Aire Limpo, que destaca a utilidade da plataforma TRAFAIR
Compartir Este Artigo

