A pandemia, entre outras moitas cousas, púxonos diante unha verdade incontestable: cómpre que renovemos e transformemos os nosos xeitos de promover produtos, vendelos e distribuílos, ao tempo que tamén avanzamos na evolución dos nosos establecementos en materia de xestión. Desta necesidade e desta demanda (unha demanda que responde en parte ás necesidades e hábitos novos do mercado e a clientela) xurdiron na nosa terra moitas iniciativas innovadoras que axudan ás pemes e ao comercio de proximidade a ver máis alá da crise económica, social e sanitaria. Un exemplo disto é Mercalalín, plataforma que impulsa o comercio local de Lalín.
Trátase dunha iniciativa impulsada polo Concello de Lalín, con vistas a poñer a disposición do tecido produtivo do termo municipal “unha plataforma de comercio electrónico para facilitar a dixitalización dos comercios”. Segundo informan os desenvolvedores da ferramenta, neste intre xa está dispoñible cun catálogo de máis de 70 comercios locais adheridos e máis de 850 produtos e servizos. A previsión, indican, é que as cifras vaian medrando de xeito significativo ao longo deste ano.
Mercalalín naceu do plan Lalín por Vir, ao abeiro da estratexia DUSI e do programa Lalín Sima 21. A súa presentación oficial celebrouse os días pasados, nun acto ante o empresariado local e a cidadanía que contou coa presenza do alcalde José Crespo, a tenente de alcalde, Paz Pérez, a edil de Comercio, Karen Fernández, e o responsable do desenvolvemento da plataforma, Daniel González.
Segundo fixeron saber, o obxectivo é que a proposta sirva “como ferramenta gratuíta de enganche para os comercios locais de Lalín durante a nova normalidade”, dándolles a opción de “dixitalizárense e así dispor dunha nova canle de venda”. Doutra banda, o proxecto busca “promover entre os lalinenses a compra de proximidade agora coas vantaxes da canle online”.
Sobre os retos aos que se quere dar resposta con Mercalalín, o alcalde sinalou que o 38% dos galegos están a usar o ecommerce para mercar, “un hábito que parecía ser exclusivo dos habitantes das grandes cidades”.
Daniel González, lalinense e co-fundador de Tiendealo, a empresa responsable do desenvolvemento de Mercalalín, confirmou que tralo lanzamento iranse valorando as necesidades tanto dos donos de negocios como dos clientes e, en función diso, “incorporaranse outras funcionalidades”. Asemade, fixo un chamamento á cidadanía a “usar a plataforma para realizar as compras nas tendas de sempre” e así “apoiar o crecemento da iniciativa”. Tamén confirmou que hai outros concellos galegos, como o da Estrada, desenvolvendo plataformas de ecommerce personalizadas con Tiendealo e anima a outros municipios a seguir esta corrente para “apoiar o comercio local”.
O comercio electrónico espállase na capital do Deza da man da plataforma Mercalalín
Compartir Este Artigo

