
Ao longo desta xornada atoparase unha selección de tecnoloxías en avanzado estado de desenvolvemento, listas para ser transferidas á industria e á sociedade. O evento virtual realizarase a través de salas de vídeo-conferencia e require inscrición previa a través dunha ligazón específica xa habilitada. Once demostradores tecnolóxicos e tres spin-offs integran a oferta deste ano.
Ademais das tres spin-off creadas polo CiTIUS (Situm, Imagames e InVerbis), estas serán as tecnoloxías que o CiTIUS presentará na sexta edición de Inside the Lab:
· Sistema para a identificación das zonas axeitadas para que un UAV (dron) poida entregar unha mercadoría lixeira nas proximidades de vieiros rurais, garantindo as normas de mobilidade e seguridade.
· Resultados do proxecto europeo TRAFAIR, que aborda o desenvolvemento dun servizo de monitoraxe, predición e publicación da calidade do aire a escala urbana en cidades intelixentes.
· Un xerador de explicacións aplicable a calquera sector onde persoas e sistemas intelixentes conviven diariamente (saúde, banca, educación, servizos, industria, etc.). Está baseado en Intelixencia Artificial explicable, unha tecnoloxía emerxente que involucra aspectos técnicos, pero tamén éticos e legais.
· Ferramenta para a avaliación automática da calidade lingüística de textos, tanto en castelán como en galego normativo por medio de ferramentas de procesamento da linguaxe natural.
· Software para a cuantificación automática e revisada de tecido tumoral en imaxes histolóxicas de pulmón, para o estudo do cancro. Opera en tempo real de forma precisa, fiable e rápida.
· Nodo sensor completamente autónomo con capacidade de colleitar enerxía, con auto-arrinque non supervisado e comunicación sen fíos Bluetooth. O sistema incorpora unha unidade de xestión da enerxía desenvolvida no CiTIUS, capaz de operar a partir de 2.38 nW, o valor máis baixo xamais alcanzado.
· Ferramenta de aprendizaxe non supervisada, desenvolvida en colaboración co INTECMAR (Instituto Tecnolóxico para ou Control do Medio Mariño de Galicia), que mellora a toma de decisións dos expertos do medio mariño, facilitando o control técnico e sanitario dos produtos do mar.
· Plataforma Big Data que analiza en tempo real os contidos e o grao de credibilidade das publicacións relacionadas coa saúde en redes sociais e é quen de predicir a credibilidade das informacións publicadas neste ámbito.
· Ferramenta gráfica para xerar vídeos sintéticos a partir de parámetros de procura definidos por un usuario.
· Sistema Orientado á Industria 4.0 para a predición de parámetros de calidade de produto, en función do estado operativo dunha planta industrial.
· Demostrador de aprendizaxe automática multidispositivo, que ilustra como aprende unha máquina imitando a múltiples persoas, con aplicacións reais de gran potencial.
Para participar en Inside the Lab VI é preciso realizar inscrición previa de xeito gratuíto na web oficial do evento.
Once demostradores e tres spin-off integran a oferta do sexto Inside the Lab, no CiTIUS
Compartir Este Artigo

