A iniciativa TIC Emprendes da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa de capacitación profesional e empresarial que ten o obxectivo de fornecer aos concellos de tecnoloxías e recursos de emprendemento que eviten a fuga de xente nova do territorio, vén de dar un novo paso no seu desenvolvemento, coa adxudicación das actividades formativas do programa.
Segundo lembra a entidade provincial, TIC Emprendes ten co-financiamento do Fondo Social Europeo e vén cun orzamento de máis de 700.000 euros. Destínase ás persoas mozas, de entre 16 e 30 anos, dos concellos da provincia que máis sofren o déficit demográfico.
O programa consta de 26 accións enmarcadas en 11 itinerarios formativos. Ofrecerá formación en materias específicas de cada zona, titorías personalizadas para a busca de emprego, e asesoramento para a creación da propia empresa. En concreto, TIC Emprendes centrarase nos 31 municipios de Pontevedra que contan cunha poboación inferior ou igual a 5.000 habitantes ou, no seu defecto, entre 5.001 e 10.000 habitantes con saldo negativo na última década. Son Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario Moraña, As Neves, Pazos, Ponte Caldelas, Pontecesures, Portas, Rodeiro, Oia, O Rosal, Silleda, Valga e Vila de Cruces.
TIC Emprendes achegará formación tecnolóxica en 31 concellos de Pontevedra
Compartir Este Artigo

