O pasado 12 de marzo presentouse no Museo do Mar en Vigo o novo traballo do músico galego Xoán Curiel: Treides comigo, unha importante contribución dende lecturas actuais ao tesouro das nosas cantigas medievais. Trátase dun traballo impulsado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, e que está dispoñible desde xa no Portal da Lingua Galega. Na presentación participaron o propio músico e máis o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
O representante autonómico expresou a súa ledicia “de poder ofrecer de xeito gratuíto un material de calidade e feito con mimo, en que as pezas antigas se interpretan cunha música dos nosos días para axudar a que sintamos máis próxima a literatura medieval e divulguemos o que é, sen dúbida, un dos grandes tesouros en lingua galega”.
O secretario xeral tamén incidiu “na idoneidade do Museo do Mar de Galicia, que xa acolleu o Pergamiño Vindel na súa volta á casa en 2017, para a presentación dun traballo centrado nos compositores medievais”. Así mesmo, adiantou que Vigo “acollerá o vindeiro 17 de abril, no Museo do Mar de Galicia, o primeiro concerto da xira de presentación do proxecto Treides comigo, a cargo de Xoán Curiel e da súa banda”.
Canda o representante da Xunta de Galicia e canda ao músico, participaron na presentación a directora do Museo do Mar de Vigo, Marta Lucio, e a filóloga e cantante Iris Gey.
O proxecto inclúe dous concertos xa realizados e mais un vídeo-clip e un disco que poden escoitarse no Portal da Lingua Galega. Este contén nove cantigas medievais do período trobadoresco cuxo texto pertence a creadores galegos vinculados dalgún xeito a lugares polos que transcorre o Camiño de Santiago.
Vídeo de Treides comigo de Xoán Curiel

